El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

AÑO SANTO

O Xacobeo trae a Merce Cunningham Dance Company, que ofrecerá espectáculos en Vigo, Santiago e A Coruña

23-06-2010 18:44:12

O Xacobeo 2010 trae a Galicia á considerada como unha das mellores compañías de danza do mundo, a Merce Cunningham Dance Company. Esta agrupación percorrerá cos seus espectáculos de danza as cidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña desde o vindeiro venres 25 e ata o martes 29 de xuño.

A Merce Cunningham Dance Company viaxará en primeiro lugar a Vigo o próximo venres 25 de xuño, cando actuará no Centro Cultural Caixanova ás 20.30 horas. Alí, a compañía representará o espectáculo 'Nearly 902', a creación final de Merce Cunningham e unha das súas pezas mestras máis inesquecibles. Creado pouco antes do seu falecemento, este traballo recolle o coñecemento e as prácticas de más de 70 anos de traxectoria profesional e representa o cumio da súa creatividade.

'Nearly 902' será tamén a peza que se presentará o sábado 27 de xuño no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. En A Coruña, a Merce Cunningham Dance Company representará, o martes día 29 no Teatro Rosalía de Castro, as pezas 'Duets', 'Second Hand' e 'MinEvent'. As entradas para esta última cita da compañía en Galicia xa están esgotadas.

Durante a súa estancia en Galicia, a compañía ofrecerá tres master class de danza en Santiago de Compostela que, baixo a coordinación do Centro Coreográfico Galego, terán lugar nas mañás dos días 24, 26 e 28 de xuño na sala de ensaios da nave da Agadic. O custo da matrícula é de 20 euros para cada unha das xornadas, establecéndose en todos os casos un límite de 25 prazas.

TRAXECTORIA

A Merce Cunningham Dance Company é a principal obra do seu fundador que, en 1975 crea a súa primeira obra marcando un antes e un despois na danza moderna. A Merce Cunningham Dance Company formouse no Black Mountain College no verán de 1953, data desde a que Cunningham coreografiou preto de 200 obras para a súa compañía.

A súa traxectoria profesional foi recoñecida internacionalmente con diferentes premios, entre os que destacan o Praemium Imperiale, que recibiu en Tokio en 2005, ou o nomeamento en Francia de comandante da Orde das Artes e das Letras en 1982. Falecido o pasado ano, a compañía pretende continuar o seu esforzo por compartir e preservar o seu legado e, durante este ano, presentará a súa obra póstuma en países coma Estados Unidos, Francia ou España.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias