As entradas para o concerto que Elvis Costello e Diana Krall darán o vindeiro 27 de xullo na Praza da Quintana en Santiago de Compostela están á venda desde hoxe a través da web de El Corte Inglés (www.elcorteingles.es). Enmarcado dentro da programación do Xacobeo 2010 , trátase dun concerto dobre. O prezo das entradas é de 22,25 euros en gradas e 33 euros en cadeira.
A primeira en subir ao escenario da Praza da Quintana será a pianista e cantante canadense de jazz Diana Krall, á que seguirá o músico, cantante e compositor británico Elvis Costello. Sen embargo, ambos poderían sorprender ao público coa interpretación conxunta dalgún tema.
Non obstante, non será a primeira vez que Diana Krall e Elvis Costello visitan Galicia, aínda que si é a primeira ocasión na que esta parella comparte escenario. De feito, con anterioridade, Costello actuou en Vigo en 2005, e anos despois, en 2008, Krall fixo o propio na Coruña, con semellante éxito de público.
En Santiago, Diana Krall presentará 'Quiet Nights', que é o seu duodécimo traballo. A inspiración para este novo disco achouna nunha viaxe a Brasil e, desa experiencia, xurdiu un traballo íntimo, no que expresa o seu amor tanto polo citado país suramericano como polo seu marido, Elvis Costello. Pola súa banda, o polifacético artista británico interpretará temas do seu último disco 'Secret, profane & sugarcane'.