O Xacobeo 2010 patrocina 'Universo Crebinsky', unha xira que durante o verán achegará o cine e a música a cidades e vilas galegas. Deste xeito, media ducia de concellos acollerán entre os meses de xullo e outubro este espectáculo, que inclúe un pasarrúas, a proxección de película 'Crebinsky' e un concerto a cargo da banda Crebinsky, responsable da banda sonora do filme.
A xira comeza este xoves, no marco do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Esta será a primeira oportunidade para ver completa a película dirixida por Enrique Otero, que se proxectará ás 18.00 horas no Teatro da Beneficencia, precedida dun pasarrúas da banda Crebinsky. Ao final da proxección, a banda ofrecerá un concerto. O venres 9 de xullo haberá outras dúas oportunidades de ver a película e escoitar á banda, ás 17.00 e ás 20.00 horas, de novo no Teatro da Beneficencia. O último pase do filme en Ortigueira terá lugar o domingo 11 de xullo ás 19.00 horas.
'Universo Crebinsky' bota a andar en Ortigueira pola significación que esta comarca ten na película. De xeito, en diferentes paraxes de Ortegal foi rodado boa parte do filme, producido por Control Z, Chévere Visión e Zircozine, e desta comarca é o seu director, Enrique Otero.
Está xa confirmada a presentación de 'Universo Crebinsky' en Ourense, Pontevedra, A Coruña e Lugo. A vindeira cita é o 16 de xullo en Ourense. En outubro abrirá unha nova edición do Festival Internacional de Cine de Ourense.
Trátase dunha longametraxe rodada en catro idiomas que conta a aventura de dous irmáns que inician unha busca desesperada na que rematan por atopar o que menos esperan. Definida polos seus creadores Enrique Otero e Miguel de Lira como “realismo fantasioso”, constitúe unha persoal e delirante historia que destila humor. A película, protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta, conta cun amplo elenco formado por Luís Tosar, Celso Bugallo, Patricia de Lorenzo e Farruco Castromán, entre outros.