O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela presentou A Festa dos Mundos, festival do Xacobeo 2010 que se celebrará na praia de Santa Cristina, no concello coruñés de Oleiros, o vindeiro 7 de agosto. O evento será de entrada gratuíta e converterá a Galicia “na gran festa da diversidade, a gran festa para o diálogo musical e das artes escénicas”.
Desde as 11.30 da mañá e ata as 04.30 horas da madrugada, Oleiros vivirá A Festa dos Mundos, que brindará opcións para todos os públicos nun amplo abano de actividades que se estenden ao longo de todo o día. Pola noite, ao escenario principal instalado na Praia de Santa Cristina subirán artistas e formacións musicais procedentes de todo o mundo nun espectáculo que se estenderá ata a madrugada baixo a iniciativa As músicas do mundo.
Así, sucederanse as actuacións da cantante galega Uxía; Sa Dinding, a gran estrela da música de China; Choc Quib Town, grupo revelación colombiano; Oof Cinemix, de Francia; e DJ2D2, de Cataluña. Ademais, neste espazo, Xacobeo 2010 brindará a única oportunidade de gozar do espectáculo de Africa Express, que non se repetirá en ningún outro lugar do mundo. Cunha duración de cinco horas, o espectáculo traerá a Galicia ao ex cantante de Blur, Damon Albarn, que estará acompañado por outros artistas convidados.
Pola mañá e pola tarde poderase gozar dos espectáculos As danzas do mundo e O mundo dos nenos. Na primeira das opcións, o concello coruñés será o escaparate para as danzas máis espectaculares do mundo, con ritmos frenéticos e complexas coreografías. Aglutinará artistas da máis diversa procedencia coma Bollywood Hai Jo, da India; a Compañía de Danza Oriental de Siberia; Katembe Dance, de Angola, e os galegos O Fiadeiro. Para os nenos, a segunda iniciativa levará ao concello maxia, música e obradoiros coas actuacións de A nena e o grilo, Mago Xacobe e os Obradoiros e xogos do mundo con Xandobela.
Ademais, ao longo de todo o día, haberá espectáculos de teatro xestual, danza vertical, malabares, clown e xéneros híbridos nos que se mesturan humor e circo. Estarán incluídos na iniciativa O Parque da Ilusión, no que participarán os grupos de teatro El Retrete de Dorian Gray, de Galicia, e os franceses Les Apostrophés, ademais, dos Cone Dancers e o Dúo Lyodji, desde Xapón e Francia, co seu espectáculo de equilibrismo.
Por outra banda, Xacobeo 2010 levará A Festa dos Mundos ás rúas de Oleiros, e estas encheranse, na mañá e na tarde, cos sons vibrantes dos pasarrúas galegos Festicultores e Os Campantes da Baña; Nação Viralata, de Portugal; e Mariachi Semblanza, de México.
Do mesmo xeito, o colectivo Arenas Posibles, de Cataluña, construirá unha escultura de area na Praia de Santa Cristina, para o que empregarán seis días e vinte toneladas de area.
Para completar a programación, desenvolveranse unha serie de actividades paralelas que xirarán en torno a tres eixos principais: o mercado, con 60 postos con deseño, artesanía e produtos gastronómicos de Galicia e de todo o mundo; conferencias e mesas redondas para a concienciación sobre a sustentabilidade ambiental; e a gastronomía, coa instalación dunha jaima para degustar tés e receitas típicas do Magreb.