O músico islandés Jónsi subirá ao escenario do Festival Xacobeo 10 o próximo 27 de agosto para interpretar os temas do seu novo disco en solitario, Go. Deste xeito, o cantante será un dos artistas que participará neste festival, que ten como cabeza de cartel ao grupo Muse e que terá lugar no Monte do Gozo. O festival comezará ás 19.30 horas, aínda que as portas para a entrada do público abriranse ás 17.30 horas.
Herdeiro do post-rock da banda islandesa Sigur Rós, o disco de Jónsi contén temas ambientais de tonos luminosos, na liña das últimas entregas desta banda. O próximo 27 de agosto Jónsi ofrecerá en Santiago un dos concertos en directo que forman parte da ampla xira que está levando a cabo por todo o mundo. Días antes de actuar no Monte de Gozo, Jónsi amosará o seu show en países como Bélxica ou Dinamarca para logo viaxar a Suíza ou ao Reino Unido.
Pola súa banda, Muse chega a Galicia despois de ser protagonistas dalgúns dos mellores festivais do mundo. Tralo seu grande éxito dos últimos anos, os de Devon actuarán en Santiago de Compostela no marco da programación deseñada por Xacobeo 2010 para este Ano Santo.
Só un día despois de poñerse a disposición do público as localidades xa se despacharan ata ás 14.00 horas desta mañá máis de 14.000 entradas para asistir ao festival do Monte de Gozo, que ten un aforo de 25.000 persoas. Deste xeito, xa se vendeu máis do 50% das localidades, que xa están esgotadas nas webs de Caixa Galicia e Caixanova. As entradas seguen á venda en El Corte Inglés a un prezo de 30 euros en venda anticipada (máis gastos de distribución).