"O futuro da actualidade" e "Paperback" amosan no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago o traballo de Proxecto-Edición, no que están implicados artistas do mundo da edición, xornalistas e creadores da arte popular. O público poderá ver materializado parte do proxecto emprendido polo CGAC en colaboración co Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) e a Fundación Luis Seoane. "O futuro da actualidade" recolle diversas reflexións artísticas que fan referencia ós distintos códigos empregados nos medios de comunicación, dende a fotografía ós medios dixitais, pasando pola "vertente persoal" da dixestión dos medios. A mostra leva o nome do eixo central durante este ano para 'Proxecto-edición', que ten previsto prolongarse ata o 2008, cun tema distinto cada ano. A "obsesión pola actualidade" e o futuro que se pode derivar dela son para o director do CGAC e comisario da mostra, Manuel Olveira, a idea de fondo desta exposición, que se pode visitar no CGAC ata o 10 de decembro. Nese periodo, o centro de arte contemporánea exhibirá tamén 'Paperback', enmarcado no mesmo proxecto. Máis ca nunha exposición, 'Paperback' consiste nun espazo de distribución, lectura e venda de edicións baratas, tales como pósters, xogos en papel, pegatinas e publicacións. Estes materiais poden ser comprados, consultados na sala ou levados para casa en empréstito, coma se dunha biblioteca se tratase. Para a comisaria da exposición, Amanda Cuesta, 'Paperback' "evidencia a situación de renovación" no mundo da edición impresa. 'Proxecto-edición' se materializará tamén no Marco a partir deste venres, coa inauguración da exposición de Martín Pena, 'Espazos de recreo', con fotografías de patios de recreo, na que están invitados a participar alumnos e ex-alumnos, e que irán en aumento ó longo do tempo. Mentres, a Fundación Luis Seoane ten previsto acoller a exposición de Camilo Franco 'Palabras contadas' a partir de decembro e, máis tarde, 'Paperback'. Para verán de 2007, a Fundación espera montar un obradoiro de radio da man de Julia Montilla, segundo anunciou a directora da fundación, Silvia Longueira. Proxecto 'Proxecto-edición' non se reduce a expoñer materiais, aínda que xunto coa web, son as canles de visibilidade do proxecto. As exposicións acompáñanlles distintas actividades, como conferencias, publicacións ou feiras, como a que se celebrará en Pontevedra na última fin de semana de outubro, e que consistirá nun encontro de artistas e profesionais alternativos do mundo da edición. Esta iniciativa comezou a súa andaina polo mes de febreiro e, tras varios meses de traballo, as exposicións que se inauguran hoxe no CGAC e mañá no Marco amosarán parte do traballo destes artistas. As súas raíces saíron do anterior labor de Manuel Olveira, director do CGAC, ó cargo do centro de produción de artes visuais e multimedia Hangar en Barcelona.