El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Dúas produtoras galegas descobren os segredos do Himalaya nunha serie documental que emitirá a TVG

19-09-2006

As produtoras galegas Ficción Producciones e Namche Films descobren os segredos do Himalaya na serie documental de viaxe 'Destino Kala Pattar: Os pés do Monte Everest', que agora está en fase de montaxe, tras rematar a rodaxe a pasada semana, e que foi presentada no Club Internacional de Prensa. A Televisión de Galicia emitirá alomenos ós dous primeiros capítulos, segundo confirmaron fontes da canle ós produtores. Neste proxecto, ideado polo seu director e guionista, Henrique Banet, colaboraron expertos locais e tres científicos da Universidade de Santiago de Compostela que irán amosando en ton divulgativo as peculiaridades desta zona afastada e impresionante. A actriz Mabel Rivera, que tamén formou parte do equipo de expedición, será a encargada de poñerlle voz ó relato da viaxe. 'Destino Kala Pattar' afonda na cultura e na natureza da zona, onde o equipo de científicos galegos descubriu novas especies para a ciencia, especialmente insectos. Algunhas mostras destas recén descubertas especies formarán parte do Museo de Historia Natural, mentres outros aínda están sendo estudados. Nos 20 días de rodaxe, o equipo de expedición acadou os 5.500 metros de altitude, afrontando duras condicións climatolóxicas e outras dificultades como o mal de altura, a falta de osíxeno ou a xeografía. "Vocación internacional" O obxectivo dos produtores da serie é vender a serie ós canais temáticos de documentais, tanto europeos como de países máis afastados, baseándose nunha "filosofía de narración distinta" da doutros documentais de viaxes similares. Para o representante de Ficción Producciones, Julio Casal, este reto é "moi importante", xa que foi abordado por iniciativa propia e "sen axudas". Ambas empresas aportaron un investimento de máis de 110.000 euros. Namche Films e Ficción Producciones planean xa para o vindeiro ano un longo documental ficcionado, que xa conta co apoio da Consellería de Cultura. O proxecto, que califican de "moi ambicioso", trata dunha historia de amor ambientada no Himalaya que amosa a riqueza cultural da zona.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias