El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A TVG presentará unha querela contra Mediapro para recuperar os dereitos de emisión do fútbol en aberto

Os telespectadores coñecerán o luns a nova imaxe da canle autonómica

22-09-2006

O director da Televisión de Galicia, Xesús Iglesias, anunciou que presentará unha querela contra a compañía Mediapro para recuperar os dereitos de emisión do fútbol de Primeira División. Iglesias expresou a súa "preocupación" pola imposibilidade de seguir emitindo o fútbol nas noites dos sábados, non só pola "audiencia segura" que obtiñan, senón tamén pola "perda social" tras 15 anos vendo o fútbol en galego. Deste xeito, a televisión pública autonómica confía en volver emitir os partidos correspondentes á Liga de Fútbol Profesional (LFP), logo de que a nova canle La Sexta comezase a ofrecer o partido semanal en aberto todos os sábados. Ademais, a TVG presentou en Santiago a súa nova imaxe corporativa, que os telespectadores poderán coñecer a partir do luns, e avanzou a programación para esta nova tempada. 'A Galega', tal como se fai chamar agora a televisión pública autonómica, presenta no seu logotipo un simple 'G'. Segundo sinalou Vicente Gómez, da empresa de deseño Rez, creadora do redeseño e especializada na identidade de cadeas televisivas, esta letra "identifica un país" e resulta un logo "máis innovador", ó que lle augurou "unha longa vida". Pero non só cambia o logo. As cortinillas, a continuidade e todos os elementos gráficos presentarán un aspecto distinto. Os programas informativos gravaranse a partir do luns no plató 300, cunha nova decoración. O Telexornal incorpora a cor vermella e claras referencias á era dixital. Asimesmo, Iglesias incidiu no "lavado de cara" que precisaba o ente co cambio de dirección. A filosofía na que se baseou esta nova imaxe incluía o carácter xeneralista da canle, así como aspectos de modernidade. Aínda que o traballo da renovación da imaxe rematou xa en verán, a cadea agardou a "unha época máis axeitada" para presentar esta novidade. A Radio Galega xa remozara as súas cortinillas e identificadores sonoros en xaneiro, pero para o seu director xerente, Virxilio Costas, o logotipo "necesitaba unha posta ó día" que transmitise unha radio "máis cosmopolita" e o "compromiso co país". Nova programación O primeiro 'reality' da televisión pública galega comezará dentro de dúas ou tres semanas, segundo anunciou Xesús Iglesias. 'A Casa de 1906' se emitirá durante tres días á semana e terá un espazo especial dentro de 'Luar'. Iglesias matizou que este novo programa era "ben distinto" dos que estamos afeitos a ver nas canles privadas, xa que "non é un programa de carnaza". En canto á ficción, a serie americana 'Invasión' terá o seu espazo os xoves á noite, despois de superar a proba do verán. Ademais continuarán series galegas de comprobado éxito, como 'Libro de familia' ou 'A vida por diante', e estrearase unha serie nova, de carácter máis urbano cás anteriores: 'Maridos e mulleres'. O director xerente da TVG declarou tamén que aqueles novos produtos televisivos que obtiveron bos resultados se manterán na nova programación, como o 'Pequeno gran show', probado no verán, 'Cifras e Letras', 'Luar', 'Alalá' ou 'Os Tonechos'. Ademais, a canle autonómica apostou por manter programas de interese público, como 'O Debate', 'Galicia documental' ou 'Ciencia nosa'.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias