El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O tradutor automático do Instituto Cervantes permite cambiar entre galego e castelán o idioma das webs

A Universidade de Vigo lanza Ortogal, o primeiro corrector de galego gratuíto en liña

26-09-2006

O tradutor do Instituto Cervantes permite xa pasar do galego ó castelán e do castelán ó galego textos ou páxinas web, mantendo o seu aspecto completamente de balde. A través da dirección http://oesi.cervantes.es poden traducirse textos do galego ó castelán e viceversa en liña, e navegar por calquera páxina en galego ou en castelán na lingua elixida. Este tradutor, desenvolvido pola empresa Automatic Trans ó longo de seis meses alcanza unha velocidade de 10.000 palabras por segundo. Deste xeito, convértese no sistema de tradución "más rápido del mercado", segundo salientou o director de Automatic Trans, Oscar Sau, quen tamén indicou que serve de ferramenta para desenvolver outros recursos, como correctores ou cursos de idiomas. O servizo ofrecido polo Instituto Cervantes súmase a outras iniciativas como Opentrad, que vén ofrecendo dende maio un servizo de balde de tradución de textos e webs entre castelán en galego baseado no código aberto (www.opentrad.com), no que participaron a Universidade de Vigo e a empresa galega Imaxin Software. A Secretaría Xeral de Política Lingüística cumpre así cunha das medidas contempladas no Plan de Normalización Lingüística, aprobado hai xa dous anos, tras colaborar co Instituto Cervantes na creación do tradutor, patrocinado por Telefónica. A titular de Política Lingüística, Marisol López, lembrou que "cantas máis facilidades se ofrezan" no uso do galego, "máis posibilidades" terá a lingua de ser utilizada na comunicación. Pola súa banda, o director do Instituto Cervantes, César Antonio Molina, sinalou a importancia deste proxecto para "dar vida a linguas como o galego, superando a brecha dixital", na liña do Instituto por "promocionar as linguas cooficiais non só a través do ensino". O tradutor automático do Cervantes púxose en marcha en xaneiro de 2005, para permitir pasar textos e páxinas web do español ó inglés, francés, portugués e catalán, e viceversa. O vindeiro ano engadirá o euskera ó seu dicionario, co que terá cubertas todas as linguas cooficiais. Corrector Para os máis esixentes, que non aceptan os erros de tradución, sempre poderán botar man do primeiro corrector en liña do galego, ofrecido gratuitamente polo Seminario de Lingüística da Universidade de Vigo. A través de web http://sli.uvigo.es/corrector, o usuario pode detectar os erros de calquera texto que introduza en galego. OrtoGal, que así se chama este novo servizo, ofrece alternativas correctas a castelanismos, ultracorreccións ou estranxeirismos, algo que non ocorría cos correctores existentes ata o de agora. A súa mellora está tamén nas mans do usuario, que poden enviar as eivas atopadas neste sistema.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias