El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O CDG programa para o Salón Teatro de Santiago a obra de Rubianes "Lorca eran todos", censurada en Madrid

27-09-2006

O Centro Dramático Galego (CDG) programa para o Salón Teatro de Santiago a obra 'Lorca eran todos', que foi censurada en Madrid a raíz dunhas declaracións críticas sobre a unidade de España por parte do seu director, o actor galego Pepe Rubianes. Mentres a obra tivo que ser retirada do Teatro Español por ameazas e presións políticas, o CDG, dependente da Consellería de Cultura, programa a polémica obra de Rubianes para os vindeiros días 16 e 17 de decembro no Salón Teatro compostelán. Con pezas coma esta no cartel, o Centro pretende converter o Salón Teatro nun referente na comunidade, cunha programación "continuada, plural e de calidade". Así o anunciaron a directora do CDG, Cristina Domínguez, e a conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, na presentación da nova tempada do CDG. Ademais de 'Lorca eran todos'. o Salón Teatro acollerá no último trimestre do ano a exhibición de 'O regreso ao deserto', proxeccións de Cineuropa e a gala final do Certame de Creación Coreográfica de Galicia, así como os espectáculos 'El señor Ibrahim y las flores del Corán', e 'Woyzeck', para dar paso á Semana de Teatro Infantil no Nadal. Dramaturxia contemporánea A dramaturxia contemporánea é a principal aposta do CDG para esta nova etapa, e servirá de gancho para ampliar e fidelizar o seu público. Mostra disto é o cartel que abre a nova tempada, e no que teñen cabida non só as produccións propias, senón tamén as coproducións con compañías privadas. A obra 'O regreso ao deserto', do dramaturgo Bernard-Marie Koltes, estrearase o vindeiro 20 de outubro no Salón Teatro de Santiago, a cargo da directora do CDG, Cristina Domínguez, quen destacou o nome do escritor teatral francés como "destacado na dramaturxia contemporánea". O público familiar poderá asistir á escenificación da peza 'Tarará-chis-pum', creada por Artello Teatro e que se representou por primeira vez en 1978. Trátase dunha versión renovada da primeiro espectáculo profesional de teatro infantil feito en Galicia, cun novo elenco. 'A piragua' será o título da obra que desenvolverá o dramaturgo residente do CDG ata a súa estrea en abril. Cándido Pazó partirá dunha anécdota para presentar o tema da violencia doméstica, que enfiará o resto da narración. No novo cartel da CDG hai lugar para as coproducións con compañías privadas galegas. E o caso do espectáculo 'Kamikaze', no que a compañía PistaCatro contará co apoio do Centro. Coa colaboración con este grupo, especializado no novo circo, o CDG pretende "fornecer estruturas empresariais teatrais" e abrir as portas a "propostas escénicas innovadoras", que dean pé a un "relevo xeracional" da escena galega. Textos O CDG comprométese nesta nova etapa coa escrita de novos textos dramatúrxicos contemporáneos para que o teatro galego "continúe vivo", tal como explicou hoxe a directora do CDG. Cándido Pazó será o encargado de coordinar este ano o Centro de Creación Dramática Contemporánea, no que se fomentará o intercambio de coñecementos e experiencias, así como a investigación arredor de novas linguaxes escénicas. Para Pazó, a función principal deste novo organismo é que "as ideas non fiquen no limbo das boas intencións" e descubrir novos valores da dramaturxia teatral e audiovisual a través dos obradoiros que dirixirá a partir de novembro. Por outra banda, Anxela Bugallo anunciou que a editorial Laiovento colaborará co CDG na publicación dunha nova colección denominada 'Escena Aberta', que recollerá os textos representados pola compañía.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias