El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A película de animación "De Profundis" xoga coa complicidade do espectador

Miguelanxo Prado debuxou integramente o filme, que custou uns dous millóns de euros

11-10-2006

A película de animación 'De Profundis' xoga coa complicidade do espectador. Así o salientou o seu creador, o debuxante Miguelanxo Prado, durante a presentación do filme, que se estreará en xaneiro nas salas de cine. O responsable da banda sonora da película, o músico Nani García, cualificou a obra de "estritamente audiovisual" ó deixar que o espectador complete a narración. Neste senso, Prado alegou que como debuxante de cómic coñece ben a elipse, e isto obsérvase no esquema narrativo de 'De Profundis'. O debuxante galego sacrificou a "espectacularidade do movemento" pola calidade dos debuxos, que foron integramente debuxados polo propio autor. Esta animación contida redunda na "contemplación dos detalles", afirmou Prado. A pesar deste labor artesán, complementado coa animación por ordenador, o presuposto da película non superou os dous millóns de euros, "cando unha animación normal anda polos 5", engadiu a produtora executiva de Continental, Chelo Loureiro. Do seu traballo con Nani García, o director da película subliñou que fora "unha das experiencias máis estimulantes" nas que participara. O labor de Nani "enriquecía ou melloraba" a visión que Prado tiña dos debuxos. Pola súa banda, o produtor da película, Pancho Casal, salientou que Nani García se descobre como "un grande músico sinfónico". Experimentación Miguelanxo Prado deixa a súa pegada no trazo destes debuxos, que pouco teñen que ver coas animacións 'estándar', para dar vida a unha aventura máxica nas profundidades do mar. Para comezar, non veremos na súa película liñas simples e cores planas, senón todo un exercicio de debuxo e pintura que resulta espontánea e elaborada á vez. A isto hai que engadirlle unha banda sonora de música clásica acorde cos momentos emotivos da cinta. E por último, desfarémonos dos diálogos. A conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, apostou pola creatividade como valor engadido do audiovisual galego, que ademais dos beneficios económicos "aporta tamén prestixio o beneficios sociais". Bugallo asegurou que a película conseguirá unha "interacción nova co público", distinta dos produtos audiovisuais clásicos. Como autor, ó debuxante galego non lle vale usar "xogos amañados", fórmulas que noutros produtos audiovisuais tiveron éxito comprobado. 'De Profundis' vai dirixido a un público "con sensibilidade", unha "ampla minoría", segundo indicaron Pancho Casal e Miguelanxo Prado. Preestrea e exposición 'De Profundis' será presentada ao público por primeira vez no Pazo da Opera de A Coruña o vindeiro mércores, nun espectáculo con música en vivo que se sincronizará coas imaxes. A Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Rubén Gimeno, interpretará unha vez máis a banda sonora da película, na que participa a soprano vasca de fama internacional Ainhoa Arteta e a coral coruñesa 'Cantabile'. Trala proxección nos cines, 'De Profundis' será unha das primeiras películas que sairá ao mercado nos novos formatos Blue Ray e HDV, segundo anunciou o produtor Pancho Casal. Por outra banda, a Fundación Caixa Galicia presentará o vindeiro martes en Pontevedra os materiais de preprodución de 'De Profundis' nunha mostra que se trasladará despois ás salas da Fundación en Santiago e A Coruña. A exposición estará composta por 12 óleos e unhas 40 pezas, nas que se atopan debuxos e acuarelas, así como polo 'making of' da película, no que se poderá ver o proceso de creación do tándem Miguelanxo Prado-Nani García.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias