Sociedad
O grupo actúa en A Coruña dentro da IV Mostra Portuguesa
30-10-2006
A formación musical lusa Madredeus ofrecerá este sábado o seu derradeiro concerto en Galicia antes do anunciado paréntese na súa carreira, dentro da programación da IV Mostra Portuguesa. O grupo despedirase en A Coruña do público galego "por un tiempo muy largo", segundo valorou hoxe o director artístico da Mostra, Luis Martín.
Madredeus comezará en decembro unha pausa na súa historia para desenvolver proxectos individuais e persoais. Aínda que os membros do grupo desbotaron unha separación definitiva, non existe data para retomar o traballo en conxunto.
A música portuguesa volverá oírse unha semana despois en Vigo, da man do grupo pop Cla. A banda tocará por primeira vez en España grazas á IV edición da Mostra Portuguesa, que terá unha presenza maioritaria en Galicia. Das nove cidades españolas nas que se desenvolverá a mostra, "cinco serán gallegas", segundo salientou en Santiago a directora desta iniciativa, Concha Hernández.
O delegado do Instituto Camoes, Samuel Rego, salientou que Galicia "sempre está tres pasos por diante" cando se trata de presentar proxectos culturais portugueses en España e a posibilidade de presentar "actividades culturais de calidade" fóra das grandes capitais.
Actividades da Mostra
Música, cine, fotografía e ciencia centrarán as actividades da Mostra na comunidade galega, que arrancan mañá en Vigo coa Xornada Luso-Galega de Ciencia, Innovación e Transformación Social. Neste encontro abordarase a cooperación en ciencia e cultura científica entre Portugal e España, con especial incidencia na nanotecnoloxía, biomedicina e bioloxía.
O sábado dará comezo o Ciclo de Cine Portugués en Santiago, que se proxectará no Auditorio da Aula de Cultura de Caixa Galicia ata o día 11. Máis tarde pasará por A Coruña, do 29 de novembro ao 16 de decembro, e por Lugo, do 8 ao 16 de xaneiro. Manuel de Oliveira, Joao Pedro Costa ou Margarida Cardoso son algúns dos directores portugueses que terán cabida neste ciclo de cine.
No eido da fotografía, haberá que esperar a decembro para poder visitar a exposición 'Olhar inquieto' en Santiago. Ourense acollerá esta colección de 45 obras fotográficas entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias