A Xunta lanzará un portal para facilitar o acceso de novas creacións audiovisuais galegas á rede. Así o anunciou o director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, Manuel José Fernández Iglesias, na presentación das xornadas sobre mocidade e internet 'Enredad@s'. Fernández Iglesias avanzou que o portal 'Audiovisual de Galicia' deixará que "aqueles que teñan inquedanza" na creación audiovisual poidan ter a súa web, con soporte para 'streaming', buscadores, o mantemento e a presenza continua en internet. Deste xeito, os beneficiarios de axudas da Consellería de Cultura, os creadores procedentes da Facultade de Comunicación e das Escolas de Formación Profesional poderán darse a coñecer sen precisar dun soporte profesional na rede. Para Iglesias, a xuventude galega é "consumidora de contidos externos" en internet, polo que se busca unha participación máis activa na producción da rede por parte dos mozos. Neste senso inciden as xornadas 'Enredad@s', que se celebrarán entre o 16 e o 18 de novembro en Santiago. Enredad@s 'Enredad@s', organizado polo Consello da Xuventude de Galicia e apoiado pola Dirección Xeral, centrarase en tres aspectos básicos: a comunicación a través da rede, o software libre e a filosofía e iniciativas emprendedoras en internet. Nestes encontros participarán, entre outros, o director de Periodista Digital, Alfonso Rojo; o director de Xornal.com, Antonio Sangiao; o presidente do grupo de Software Libre da Universidade da Coruña, Emilio Padrón, o editor do blog Microsiervos, Javier Pedreira, ou José Manuel Lage Tuñas, o primeiro político galego que editou un blog. A inscrición é gratuíta e poderá presentarse ata o próximo día 9, a través da web www.cxg.org. Das 250 prazas dispoñibles, hoxe xa estaban cubertas 185. A asistencia a estas xornadas poderá ser recoñecida cun crédito de libre configuración para os estudantes universitarios.