Un 60% do profesorado de música tradicional carece de formación regrada neste eido. Así o revela o ?Libro branco da educación en música tradicional en Galicia?, elaborado pola fundación Sondeseu e presentado hoxe en Santiago. O presidente da fundación, Rodrigo Romaní, apostou por "sincronizar a espontaneidade" do ensino, que nun 58,5% dos casos se desenvolve en asociacións culturais, cunha regulación dos programas educativos e da formación do profesorado. Pola súa banda, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, afirmou que se está traballando na inclusión da música tradicional nos currículos formativos dos conservatorios, e que se debe apoiar a aprendizaxe dos docentes. O presidente da Comisión de Cultura da Deputación da Coruña, Celestino Poza, avogou por "acabar co voluntarismo e intrusismo" na aprendizaxe da música tradicional a través dunha formación "máis ou menos regrada" en equilibrio co "enraizamento popular". E é que no 80% dos casos, os profesores botan man da transmisión oral e só a metade empregan nalgunha ocasión libros ou documentos sonoros para impartir as clases. A Fundación Son de Seu traballa na recollida desta para o seu estudo e dispoñibilidade á comunidade educativa. As actividades de ensino de música tradicional moven ao ano entre 3 e 3,5 millóns de euros en Galicia. Un importante volume de negocio que, sen embargo, presenta unha "situación moi precaria" do colectivo profesional. As tres cuartas partes das actividades de música tradicional que se dan en Galicia non contan con ningún tipo de contrato. Os profesores de gaita, canto e baile tradicional obteñen uns ingresos mensuais por actividade que no 63% dos casos non supera os 200 euros, polo que teñen que compaxinar esta actividade con outras, que case na metade dos casos non teñen relación co ensino nin coa música. As institucións públicas contribúen ao financiamento dun 60% das actividades formativas de música tradicional. As cotas dos socios e as actividades propias do grupo, como as actuacións, constitúen as principais fontes de financiamento das aulas de música galega. En Galicia existen un total de 638 docentes de música tradicional nun total de 715 centros repartidos por toda a xeografía. As provincias con máis demanda de profesores nesta materia en relación coa súa poboación son Pontevedra e Ourense. Sen embargo "é complicado atopar xente cualificada" para impartir as clases debido á alta demanda, segundo asegurou Celestino Poza. O perfil dos docentes de música tradicional en Galicia axústase ao dun home de entre 36 e 33 anos de idade, con estudos universitarios e formado na música tradicional a través das asociacións ou de xeito autodidacta.