Sociedad
O telefilme, rodado integramente en galego, pasa á súa fase de montaxe
13-11-2006
A Televisión de Galicia ten previsto emitir no vindeiro mes de maio o telefilme 'O Bosque de Levas', co-producido coa canle catalá TV3. A novela do escritor Alfonso Alvarez Cáccamo é trasladada á pantalla grazas a un equipo de rodaxe "practicamente galego". Así o salientou o produtor executivo de Ficción Producciones, Julio Casal, na presentación da adaptación televisiva.
'O Bosque das Levas', rodada integramente en galego, é a primeira longametraxe gravada para televisión en formato cinematográfico, un "proxecto ambicioso" con efectos especiais, algo "pouco habitual nas TV-movies", explicou Casal. Tras un mes de rodaxe, que rematou o pasado sábado, a película pasa á súa fase de montaxe e posprodución para ser entregada ás dúas televisións autonómicas en febreiro.
A historia desenvólvese na raia entre Galicia e Portugal. A familia de Lucía (Mónica Camaño) e Alberte (Alfonso Agra) recibe unha visita espectral, a do republicano Marcelo (César Cambeiro), que fora executado a garrote pola súa loita contra o absolutismo borbónico.
A personaxe de Cambeiro conta unha historia "de dignidade". Marcelo non acepta unha "morte inxusta" e vive noutra dimensión ata que poida cumprir por fin cunha condena de fusilamento, tal como reclama o protagonista. A bagaxe de textos literarios é un "campo importante para o audiovisual", segundo indicou o director de 'O Bosque de Levas', Antón Dobao, quen observou unha "enorme distancia" entre os proxectos culturais de Galicia e o eido audiovisual galego.
Dobao e Antón Lopo levaron adiante o guión da novela de Alvarez Cáccamo sen intervención do escritor, e coa produción de Televisión de Galicia, TV3, a empresa galega Ficción Producciones e a catalá Diagonal TV. Dende a televisión pública galega expresaron o seu interese por seguir adaptando obras literarias galegas contemporáneas á pantalla, así como por continuar colaborando con Cataluña porque "entenden as nosas aspiracións".
Marca galega
'O Bosque de Levas' contou coa participación de actores cataláns que se implicaron nunha rodaxe integramente en galego. Para o director da película, Antón Dobao, esta experiencia confirma que "é posible rodar en galego" e considera que este feito é o que "diferencia o audiovisual galego". O director de Programas da TVG, Eduardo Galán, salientou que das "68 longametraxes e películas para televisión" que se gravaron en Galicia, "só tres ou catro" foron rodadas en galego.
Dobao insistiu na lingua e no desenvolvemento de "ámbitos culturais propios" como "elementos diferenzadores do cinema galego", e quitoulle importancia a outros como a procedencia do capital ou do reparto.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias