Nélida Piñón, Manuel Rivas, Bryce Echenique, Antonio Skármeta ou Ana María Matute son só algúns dos nomes dos máis de 50 autores que os días 14, 15 e 16 de decembro participarán no I Encontro Internacional de Escritores "De pedra e de palabra" en Santiago de Compostela. Segundo a conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, esta reunión fará que "Galicia se convirta en porta de entrada para a literatura latinoamericana", ademais da europea. O Pen Clube de Galicia, presidido por Luis González Tosar, organiza esta reunión, que será "un encontro e non un congreso, porque queremos que sexa o punto de encontro de creadores das diversas xeografías literarias do mundo", explicou Tosar. Así pois, acudirán escritores de Portugal, Brasil, Mozambique, Cuba ou Chile para participar nos numerosos debates que se levarán a cabo eses días, entorno a temas como o poder mediático, a liberdade de expresión ou o papel da muller na literatura. Ante a espera da confirmación de asistencia de varios literatos, o programa aínda é provisional, pero o que si está fixado e que Nélida Piñon, Premio Príncipe de Asturias las Letras 2005, imparta a conferencia inaugural do día 14. Esa mesma noite, Manuel Rivas fara unha lectura da súa última novela "Os libros arden mal". Ao finalizar estas xornadas, as intervencións dos participantes serán recollidas no volume ilustrado "Declaración de Compostela", un manifesto que a UNESCO, entidade colaboradora do encontro, "difundirá a tódalas comunidades culturais do mundo", según explicou González Tosar. Esta publicación será editada en varias linguas. O presidente do PEN Clube tamén destacou a idoneidade de Santiago para a celebración desta reunión e recordou as palabras da escritora peruana Teresa Wagner, quen calificou a Compostela de "cidade literaria".