Os turistas poderán coñecer os segredos do entorno da catedral a través dunha guía virtual. En lugar das grosas guías de viaxe tradicionais, o visitante poderá pasearse polos arredores da catedral cunha PDA, é dicir, un terminal portátil de man. Quen visite a mostra Galiciadixital poderá conseguir en préstamo unha das cinco PDAs dispoñibles polo momento. Este trebello reproducirá un vídeo na pequena pantalla que aportará información artístico-cultural e explicará outros aspectos salientables do monumento no que se atopa, localizado mediante un sistema global de navegación por satélite (GPS). A iniciativa, pioneira en España e presentada en Santiago, ten por obxectivo abrir a exposición Galiciadixital ao seu entorno, mentres o visitante espera para entrar á exposición. A visita guiada virtual ofrece un itinerario dunha hora de duración, durante a que a PDA poderá indicarlle ao usuario o momento no que pode acceder á mostra, situada no Mosteiro de San Martiño Pinario. O Pazo de Fonseca, a Porta Santa, a fachada de San Martiño Pinario, a fonte de Praterías, ou o Pazo de Raxoi, son algúns dos dez puntos de interese marcados, sobre os que este dispositivo pode ofrecer información polo miúdo, tanto en galego como en castelán ou en inglés. Está previsto que se incorporen proximamente os contidos ao francés, alemán ou xaponés. Contidos Este novo contido da exposición Galiciadixital, que fará a espera do visitante máis lixeira, foi desenvolvido polo grupo TC-1 de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo, e financiado con 38.000 euros pola a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, que convocou un concurso público de ideas para universidades e empresas do sector. Ademais, recoñecéronse os proxectos presentados polas tres universidades galegas para a renovación dos contidos de cinco salas de Galiciadixital. Os sete proxectos gañadores foron dotados de máis de 270.000 euros.