O Centro Galego de Arte Contemporánea (Cgac) de Santiago inicia o próximo ano coa exposición "Contos dixitais", a máis grande que se ten feito no centro en toda a súa historia, tanto por número de artistas como de obras. O CGAC deu a coñecer o seu programa para o 2007, no que incrementa o número de exposicións, con 16 previstas, e aposta pola produción e colaboración con distintas entidades "Contos dixitais", que se inaugura o vindeiro día 21, analiza o efecto das tecnoloxías dixitais nas narracións contemporáneas. Poderá visitarse ata o 28 de xaneiro, polo que se trata da primeira exposición do ano, comisariada ademais polo director do CGAC, Manuel Olveira. A seguinte será "Rexistros e hábitos", que se abrirá o un de febreiro, para amosar unha obra colectiva e xeracional sobre a vida nunha cidade contemporánea, en colaboración coa Fundación Tapies de Barcelona. Entre o 10 de febreiro e o 10 de xuño desenvolverase unha exposicións en tres partes secuenciais denominada "Mapas, constelacións e puntos de referencia", que presenta novos criterios que debe manexar unha colección para atender ás novas realidades que reclama a arte. O CGAC prepara para o mes de marzo unha mostra en colaboración coa Universidade de Santiago, a Fundación Granell e o Auditorio de Galicia, que tenta revalorizar os fondos de debuxo de diversas coleccións públicas e privadas da cidade. Varias institucións, entre as que se atopan a Escola de Arquitectura da Universidade de A Coruña, a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, a Xunta, a Deputación de Lugo e o Concello de Sober, establecen unha colaboración co CGAC para a exposición 'Salir A'. A paisaxe centra esta mostra, constituída por encargos e proxectos in situ a artistas do land art, a escultura ou a arte en espazos públicos, cunha parte importante de intervención no Sil. "Cuestión xeracional" estará composta dunhas 30 pezas e dunha ducia de vídeos de artistas nacionais e estranxeiros nacidos na década dos 60, cunha compoñente temporal nos temas ou no tratamento. De seguido, 'A batalla dos xéneros' abordará as producións de deconstrución de correntes feministas dende os anos 70. O verán virá marcado pola arte ao aire libre coa exposición "Arte no parque" e polas peregrinacións, na mostra "A viaxe. Novas peregrinacións", que recrea o mundo dende o punto de vista mítico a través da pintura, do vídeo e da fotografía. Despois, a artista escocesa Susan Philipsz presentará unha recopilación dos seus traballos no eido da escultura, as instalacións sonoras, e as performance. Ao tempo, realizará unha serie de accións in situ no edificio do Cgac coma en exteriores. Galegos O Cgac terá espazo para artistas galegos en distintos eidos, como a videocreación, cunha mostra de Ignacio Pardo e outra titulada 'Historia do Vídeo en Galicia', un percorrido pola videoarte galega dende os anos 80. En distintos soportes traballou o ourensán Xabier Toubes, cun recoñecemento mundial na cerámica, considerada inferior pola súa relación coa artesanía, e que merece unha retrospectiva intimista que poña en valor a súa produción excéntrica. Neste ano, no Cgac tamén se poderá percorrer a obra do artista vigués Lodeiro cunha exposición antolóxica homónima centrada en tres series: paisaxes psicodélicas, sexo e retratos. Continúa ademais o Proxecto-Edición, en colaboración co Marco e a Fundación Luis Seoane, que no vindeiro ano se articula arredor da metáfora "informacióncontrainformación", sobre a uniformización da oferta informativa a pesar das tecnoloxías dixitais que fan sentir ao público cada vez máis informado. O centro de arte contemporánea acollerá tamén a exposición 'Arquitectura contemporánea en Galicia', que recolle e documenta a produción arquitectónica de Galicia nas tres últimas décadas, cunha parte importante arredor da relación que teñen os edificios entre si e co entramado urbano.