El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A primeira produción propia do Centro Coreográfico Galego estrearase na Coruña o 6 de xaneiro

A nova entidade inaugurará tamén unha nova colección editorial

15-12-2006

A primeira produción propia do Centro Coreográfico Galego (CCG) estrearase en A Coruña o vindeiro 6 de xaneiro. O Teatro Rosalía acollerá entre o 6 e o 7 de xaneiro "Vacuo", unha proposta multidisciplinar creada e dirixida pola coreógrafa ourensá Maruxa Salas. A conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, presentou esta nova entidade dependente da Consellería e integrada na estrutura do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem). O CCG promoverá a creación artística e incidirá na investigación, formación e proxección social das artes do movemento. O Centro Coreográfico, coordinado por Natalia Balseiro, pretende converterse nun espazo de encontro entre artistas e destes co público para mellorar as condicións dos profesionais da danza. As súas actuacións dirixiranse tanto a artistas como á cidadanía, a prol do desenvolvemento integral no ámbito da danza contemporánea en Galicia. O programa de actividades da temporada 2006-2007 inclúe o apoio á creación artística a través da súa primeira produción propia, 'Vacuo', e da coprodución de espectáculos innovadores coa compañía coruñesa ExperimentaDanza e a viguesa Pisando Ovos, que serán estreados entre maio e xuño de 2007. Accións Coincidindo coa posta en escena de 'Vacuo', inaugurarase unha colección editorial vinculada ás producións propias do Centro que aspira a converterse nunha iniciativa de referencia no sector. O CCG promoverá a investigación mediante a convocatoria pública de residencias artísticas e axudas económicas. Catro proxectos poderán dispoñer de infraestruturas e medios económicos e humanos axeitados para o proceso de investigación e creación. Os candidatos serán valorados pola innovación, a colaboración con artistas doutros territorios e pola interacción con outras manifestacións artísticas, así como pola proposta de accións educativas. Ademais dos seminarios de especialización para profesionais que se celebrarán de maio a xullo e de setembro a novembro, o Centro Coreográfico organizará actividades educativas no eido da danza para todos os públicos en distintos puntos de Galicia. No 2007 porase tamén en marcha un centro de recursos para a danza, que contará con biblioteca, videoteca e todo tipo de información de utilidade para a profesión.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias