O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago cobrará vida por terceiro ano consecutivo coa representación do drama litúrxico "Ordo Propheratum", datado do século XII. O director do proxecto, Francisco Luengo, salientou que se trata do "primeiro espectáculo no mundo" que trata de recuperar unha representación musical medieval abordado cun rigor "histórico, musicolóxico e científico". Feito en Galicia e con artistas galegos, a actuación parte da representación iconográfica do drama no Pórtico da Gloria. Segundo o representante do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, trátase dun proxecto con raíces galegas pero "con estándares de calidade internacionais". O Consello da Cultura Galega acaba de editar un libro e un DVD coa gravación do acto. Esta primeira edición de mil exemplares vai destinada a difundir a iniciativa por toda Galicia, así como por medios especializados de fóra para que o espectáculo poida viaxar a outros lugares e tamén polo "valor didáctico" e polo "interese que suscita" aos amantes da música e do mundo medieval. Proceso O profesor Serafín Moralejo relacionou a iconografía do Pórtico coa representación do drama litúrxico medieval "Ordo Propheratum". Francisco Luengo, director do proxecto, atopou unha versión da obra datada do S.XIII en San Marcial de Limoges, texto do que partiron para a representación na Catedral compostelá. Este achado foi complementado cun longo proceso de reconstrución dos instrumentos medievais inmortalizados no Pórtico, tales como o organistrum, a arpa salterio, ou o laúde, así como de preparación de músicos, vestiario e iluminación axeitada. A Asociación para a Promoción da Música Actus presentou o proxecto "Ordo Propheratum" ao Xacobeo no ano 2004, e estes aceptaron apoialo. Agora, unha vez que acadou experiencia, Actus prepara a representación dun drama litúrxico "que se pode considerar a orixe de todos os dramas litúrxicos", e para o que busca financiamento.