A Unión Europea celebra hoxe o sesenta aniversario do Tratado de Roma, que
deu lugar á creación da Comunidade Económica Europea (CEE) e da Comunidade
Europea da Enerxía Atómica (EURATOM). A primeira delas supuxo un antes e un
despois no camiño á integración europea, xa que introduciu a cooperación
económica entre os países membros da Comunidade.
Os Tratados de Roma
estableceron un mercado común no que persoas, bens, servizos e capital poden
circular libremente, e crearon as condicións para a prosperidade e a
estabilidade dos cidadáns europeos.
A conmemoración desta efeméride prodúcese nun momento complexo para a
UE, que segue traballando de cara o futuro da Unión, ao igual que Galicia, que
mantén o seu férreo compromiso europeísta sobre a base da solidariedade,
apoiada na idea dunha UE que manteña no futuro as políticas que contribuíron a
reducir as diferenzas rexionais, como a de cohesión.
Este 60º aniversario do Tratado de Roma, asinado o 25 de marzo de 1957,
constitúe unha gran ocasión para que os dirixentes da UE dos 27 reflexionen sobre
a situación do proxecto europeo. Por iso, os xefes de Estado e de Goberno da UE
mantiveron hoxe unha reunión informal na capital italiana.
Os dirixentes adoptaron a chamada “Declaración de Roma”, que establece
unha visión conxunta para os próximos anos. Os 27 Estados membros, xa sen a
presenza de Reino Unido, reivindicaron que durante as últimas décadas tense
construído unha Unión que fomenta a cooperación pacífica, o respecto da
dignidade humana, a liberdade, a democracia, a igualdade e a solidariedade
entre as nacións e pobos europeos.
A este respecto, Galicia coincide en que é un momento para celebrar a a
historia europea, e para afrontar o difícil momento histórico actual, que esixe
dunha reflexión profunda sobre os retos que afronta a Unión a curto e medio
prazo.