El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | SAÚDE

A espera para operarse é no Sergas 21 días inferior á media do SNS

28-05-2017 12:41:30

O tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica no Servizo Galego de Saúde era, en xuño de 2016, de 62 días, é dicir, 21 días menos que a media do Sistema Nacional de Saúde (SNS), de 83 días. Así se recolle nun informe comparativo publicado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade que inclúe unha comparativa dos datos de 16 Comunidades Autónomas -coa excepción de Cataluña-, Ceuta e Melilla.

Por especialidades, as diferenzas máis notables están nos eidos da neurocirurxía (60 días no Sergas fronte a 150 días no SNS), cirurxía plástica (75 días no Sergas fronte a 141 no SNS) e cirurxía pediátrica (54 días no Sergas fronte a 107 no SNS). Así mesmo, a porcentaxe de pacientes que teñen que agardar máis de 6 meses para unha intervención é do 4,5% no Sergas, fronte ao 8,8% do SNS.

Se se comparan os datos cos dun ano antes (xuño de 2015), o tempo medio de espera diminuíu en 15 días no Sergas e incrementouse en dous días na media nacional. Tamén se reduciu a porcentaxe de pacientes que esperan máis de seis meses (nun 3,1%), mentres que no SNS esta taxa aumentou nun 1,1%.

Dende decembro de 2012, o tempo de espera medio do Sergas foi sempre inferior á media estatal. En xuño de 2016 só catro comunidades (Andalucía, Madrid, País Vasco e A Rioxa) e as dúas cidades autónomas tiñan tempos medios de espera inferiores a Galicia.


Primeiras consultas

No que atinxe ás listas de espera para primeiras consultas, o tempo de espera no Sergas é de 35 días, fronte aos 51 días do SNS (16 días menos). Ao igual que sucede no eido das cirurxías, o tempo de espera medio para consultas foi, dende xuño de 2012, sempre inferior en Galicia á media estatal.

Así mesmo, a porcentaxe de pacientes que teñen que agardar máis de 6 meses para unha primeira consulta é do 17,7% en Galicia, fronte ao 41,1% do SNS. Esta taxa aumentou no Sistema Nacional de Saúde nun 11,5% entre 2015 e 2016, mentres diminuía nun 5% no Sergas no mesmo prazo.

Neste ámbito só catro CCAA (Castela-A Mancha, Madrid, País Vasco e A Rioxa) e as dúas cidades autónomas teñen tempos medios de espera inferiores a Galicia.

Estes datos reflicten o bo funcionamento das estratexias de xestión da espera do Servizo Galego de Saúde, baseadas nas indicacións establecidas polo profesional sanitario, a priorización dos pacientes en función da súa gravidade e a efectividade da atención sanitaria, así como no resultado previsible de cada intervención planificada.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias