El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA | UNIVERSIDADE

A Xunta destaca a capacidade do laboratorio de radiofísica da USC

26-03-2018 20:42:50
O Laboratorio de Radiofísica da USC.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá o Laboratorio de Radiofísica da Universidade de Santiago de Compostela, unha instalación científica singular dotada de equipos emisores de radiación ionizante e equipos de medida de calidade metrolóxica que presta servizos de I+D+i aos sectores aeroespacial, sanitario, industrial e científico. Na visita estivo acompañada polo reitor da institución académica, Juan Viaño, a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos, así como persoal técnico do Laboratorio.

Dende a Axencia Galega de Innovación estase a traballar na aprobación do novo Plan Galicia Innova 2020, que impulsará unha investigación de excelencia orientada e transferible ao tecido produtivo. De feito, unha das tres liñas de acción estratéxicas do Plan é consolidar un sistema galego de xeración de coñecemento conectado á realidade do tecido produtivo para responder e adiantarse ás necesidades da sociedade, articulando modelos de colaboración entre axentes e dinamizando procesos de valorización e transferencia que maximicen a orientación a resultados.

Esta aposta pretende dar continuidade ao proceso de creación, potenciación e ordenación das infraestruturas, dos recursos e das capacidades destinadas ao desenvolvemento de actividades de I+D+i levado a cabo no marco do anterior plan galego de I+D+i, o I2C. Neste marco, a Axencia Galega de Innovación asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela en 2012 por importe de preto de 150.000 euros para a dotación de infraestruturas de apoio á investigación que reforcen a actividade científico-técnica da universidade e do sistema galego de I+D+i, no que se incluían actuacións como a mellora das instalacións do servizo de raios X e a adaptación das instalacións dos laboratorios.


Un equipamento científico que dá servizo a distintos sectores

Coa instalación a comezos de ano dun acelerador liñal de electróns (LINAC), cedido polo Centro Oncolóxico de Galicia, dota ao Laboratorio de Radiofísica da USC dunha capacidade única en España e das poucas en Europa que dispoñen dun equipamento similar. Entre os servizos que presta o Laboratorio, están os ensaios de resistencia á radiación de sistemas electrónicos de satélites, aeronaves e vehículos espaciais orientados ao sector aeroespacial; a calibración de instrumentación de medida en radioterapia, que permite verificar os equipos dos hospitais nunhas condicións idénticas ás da práctica clínica, incidindo na mellora da calidade dos tratamentos, ofrecendo formación en radioterapia a técnicos dos hospitais e mellorando os tratamentos en radioterapia veterinaria en colaboración coa Fundación Rof Codina.

En canto ao sector industrial, o Laboratorio de Radiofísica ofrece ensaios de avaliación de tecnoloxías de inspección por raios X para usos industriais, a caracterización de materiais, instrumentación de medida e a calibración de equipos de emerxencia de centrais nucleares. Tamén a nivel científico, este laboratorio aumenta a capacidade científico-tecnolóxica da Universidade de Santiago de Compostela, permitíndolle participar en proxectos europeos, formar parte da Rede Europea de Metroloxía ou colaborar na redacción do novo protocolo de dosimetría da Axencia Internacional da Enerxía Atómica, que se usa en todos os hospitais do mundo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias