Madrid. O
presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, urxiu hoxe ante a ministra
para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, unha poxa eléctrica inmediata que
teña estabilidade no tempo, un estatuto da industria electrointensiva e uns
mecanismos compensatorios adicionais vía Lei de orzamentos -como xa na lei de
2018 se incluíron 150 millóns-, que garantan os postos de traballo, a actividade
e eviten a deslocalización. Ao que incidiu na necesidade dunha transición
enerxética ordenada e planificada e non abrupta e improvisada.
“Pedimos
moderación, planificación e responsabilidade na súa execución”, abundou, ao que
engadiu que non se pode seguir aumentando o prezo da enerxía que faga que a
industria non sexa competitiva e que o prezo da factura eléctrica mensual dos
cidadáns sexa cada vez maior, ao incrementarse mes a mes e semestre a semestre.
Durante a
xuntanza, e logo de lembrar que en Galicia hai 10 empresas electrointensivas
que dan emprego a 5.000 persoas, referiuse especialmente á situación crítica de
Alcoa, e recalcou a necesidade dun marco estable do prezo da enerxía, “dunha
planificación enerxética e dun prezo da enerxía para toda a industria
electrointensiva de Galicia e de España”.
Nesta liña,
Feijóo referiuse tamén ás centrais de Meirama e As Pontes, recordando que o seu
peche implicaría que a Comunidade galega deixe de ser excedentaria en enerxía
para ser deficitaria. “Un territorio como o noso cunha enorme capacidade
hidráulica e eólica, non pode permitirse o luxo de, mentres non haxa máis
potencia renovable instalada, desconectar esas centrais de respaldo. Así, en 2017,
cando en Galicia choveu moi por debaixo da media, estas dúas centrais
triplicaron a súa actividade e produción. Non se poden desconectar estas dúas
centrais sen ter un sistema enerxético alternativo funcional”, explicou.
Ademais de
constatar co Ministerio que non hai establecido ningún límite de funcionamento
das dúas centrais, o presidente da Xunta trasladou a necesidade de que ambas as
centrais sigan traballando ata que outros países fagan a desconexión das súas
centrais de térmicas. E subliñou a importancia de que Meirama faga os
investimentos da mesma forma que o está facendo As Pontes para manterse
operativa máis alá do 2020 co límite de emisións fixado pola UE.
O
presidente da Xunta abordou tamén coa ministra o potencial da biomasa en
Galicia e, nesta mesma materia,
referiuse ao ecobarrio de Ourense, valorando a receptividade da ministra para
asinar o convenio e poder implementar este proxecto a principios de 2019 e que
abarca os 20.000 veciños do barrio da Ponte.
Durante a
xuntanza, Feijóo aseverou que ademais da enerxía eólica e a hidráulica, a
biomasa é para a Comunidade galega unha enerxía estrutural porque supón menos
custos na prevención e extinción de incendios, menos impacto ambiental e un
impacto económico positivo, ao empregarse unha enerxía autóctona, xa que Galicia
produce o 44% de toda a madeira que se corta anualmente en España.
Nesta liña,
precisou que, ademais da nova planta de biomasa que se construirá en Curtis,
nas vindeiras semanas o Goberno galego proporá, por petición da ministra, dúas
novas instalacións “que necesitarán primas, porque producir enerxía eléctrica a
través de biomasa é moi caro”.
Feijóo
incidiu na aposta que a Comunidade está a facer polas enerxías renovables,
sendo unha das autonomías con máis porcentaxe de produción eléctrica vía
renovables “e no 2020, o 20% do consumo de enerxía eléctrica virá das
renovables”, dixo.
Por outra
banda, e en relación ao abastecemento e saneamento de augas, Feijóo transmitiu
as dificultades que existen desde hai tempo para cubrir as demandas de auga na
área de Vigo, á máis poboada de Galicia, e insistiu na necesidade de abordar
como peza separada o seu abastecemento. “A tal efecto imos firmar un convenio
no que a Administración do Estado, a Xunta e o Concello de Vigo estudaremos as
distintas posibilidades”, dixo.
Seguindo
nesta área metropolitana, referiuse tamén ao desbloqueo dunha subestación
eléctrica no polígono de Balaídos, para diminuír os custos enerxéticos das
empresas e facelas máis competitivas.
“E falamos
de activar aqueles compromisos que temos en materia de saneamentos na Illa de
Arousa, Ponteareas, Poio, Sanxenxo e Santiago. Todas obras de interese xeral”,
aseverou.
Sobre
Santiago, o presidente da Xunta trasladou a proposta da ministra de manter unha
xuntanza de forma inmediata entre Concello-Xunta-Ministerio para clarificar a
viabilidade da ampliación da depuradora no lugar actual e ante o risco de perda
dos fondos europeos.
Teresa
Ribera e Feijóo analizaron así mesmo a posibilidade de facer unha serie de investimentos
no Parque Nacional das Illas Atlánticas no referido á enerxía renovable e
diminuír así a utilización do diésel para dar luz aos veciños que viven en Ons
e para os cámpings de Ons e Cíes.
Por último,
o presidente da Xunta incidiu na necesidade de que o Estado financie o dragado
da ría do Burgo, unha vez que a Xunta xa investiu 100 millóns de euros no seu
saneamento. Departamento de comunicación