O presidente dos populares galegos, Núñez Feijóo, dixo na Fonsagrada, que mentres o Partido
Popular é o único que sempre mantén a súa palabra, estea no goberno ou na
oposición; o Goberno central rómpea con todos os españois para mantela con
independentistas cataláns, nacionalistas vascos e Podemos.
O
líder do PPdeG recordou cando Pedro Sánchez prometía que España ía ter
orzamentos, que aplicaría unha política de desinflamación en Cataluña e que
defendería os intereses de todos os españois. “Seguimos agardando polos
orzamentos, a situación en Cataluña nunca estivo tan inflamada coma hoxe e prémiase
a unhas comunidades en detrimento doutras”, subliñou Feijóo. Así, apuntou que,
fronte a isto, “Galicia aprobou os orzamentos en tempo e forma, cumpriu o
déficit e os galegos situámonos e situarémonos sempre dentro do marco constitucional”.
Feijóo
incidiu en que os galegos non teñen que elixir entre Galicia e España, porque
poden ser á vez galegos e españois e na orde que queiran: “Como ben dicía Fraga,
sentirnos profundamente galegos é a nosa mellor forma de ser españois”. Por
iso, fixo fincapé en que as identidades non son antagónicas, senón
complementarias, e que non hai “carnés de bos e malos galegos, de bos ou malos
cataláns”.
Os espñois dixeron "non" a Pedro Sánchez
“As
decisións que repercuten en todos os españois non as toma nin Pedro Sánchez nin
o seu Goberno. Tómanas os de Podemos, os nacionalistas vascos e os
independentistas cataláns”, lamentou o líder do PPdeG.
Feijóo
recordou as veces que os españois lle dixeron ‘non’ a Pedro Sánchez e ao seu
partido: “Dixéronlle ‘non’ nas eleccións xerais, e non unha, senón dúas veces;
o día da moción de censura, porque os cidadáns non aprobaron a súa treta para
botar do goberno ao partido que gañou as eleccións; e nas eleccións andaluzas”.
Tal e
como apuntou, os primeiros en dicir ‘non é non’ son agora os últimos en entendelo
cando son os cidadáns os que llo din. Por iso, preguntouse o nivel de
lexitimidade que poder ter un goberno que se nega a convocar eleccións porque
sabe que as vai perder, que cede constantemente ás chantaxes de Podemos e dos
independentistas para manterse no poder e que necesita o visto e prace de todos
os partidos que apoiaron a súa moción de censura para tomar decisións.
“Votar
PSOE é votar un goberno de xestos, en lugar de proxectos; votar ás Mareas de
Podemos é votar un conglomerado de grupos que o único que fan é encher as
páxinas dos xornais con espectáculos bochornosos; e votar BNG é votar aos
independentistas cataláns e ao peor dos nacionalismos galegos”, salientou o
presidente dos populares galegos.
Regueiro, un excelente veciño
Por iso, Feijóo pediu que
non se acepten leccións “dos mesmos que gobernan na Fonsagrada, en Lugo e en
España e que, paradoxicamente, nin queren o mellor para España, nin para Lugo
nin para A Fonsagrada”. Amosou a súa confianza en que José Luis Regueiro, a
quen cualificou coma un “excelente candidato, compañeiro e veciño”, será o
próximo alcalde: “O Partido Popular quere
gañar as próximas eleccións municipais para converter A Fonsagrada no concello
que merecen os veciños”. “Para José Luis Regueiro –engadiu-,
A Fonsagrada sempre está primeiro”.
O líder do PPdeG animou a
que se reivindique a importancia deste concello, ante un rexedor que está máis
preocupado polas súas atribucións na Deputación de Lugo que por servir aos seus
veciños: “Se a este alcalde se lle queda pequeno o concello da Fonsagrada, aos
fonsagradinos hai tempo que se lles queda pequeno este alcalde e este goberno
socialista”. É por isto polo que indicou que, ante un goberno esgotado e sen
ideas, que se preocupa unicamente por si mesmo, José Luis Regueiro ofrece un
proxecto renovado, ilusión por cambiar as cousas e preocupación polos seus
veciños.
Feijóo enxalza a dobre conquista que representa a Constitución
O presidente da Xunta enxalzou hoxe a dobre conquista que representa a Constitución para os galegos que, como individuos, se converten en cidadáns e Galicia, como entidade colectiva, ten un camiño aberto cara ao seu autogoberno. “A autonomía que hoxe Galicia exerce e desfruta, non se conquista contra España, senón con España e en España. A España constitucional faise garante da Galicia autonómica, e a democracia española configúrase como algo plural e diverso”, dixo, incidindo en que este encaixe de afectos e legalidades non supón algo estraño para unha idiosincrasia como a nosa, habituada a sumar identidades para así multiplicar a forza do país.
Durante a clausura das xornadas con motivo do 40 Aniversario da Constitución Española: Galicia, o longo camiño cara ao autogoberno- análise dos 40 anos de Constitución Española desde a perspectiva de Galicia, Feijóo lembrou que a Carta Magna de 1978 será un espello no que se miren moitas democracias incipientes. Non só pola textualidade do seu articulado, senón sobre todo pola capacidade de acordo de políticas e políticos que procedían de fondos antagonismos.
“Os negros agoiros en torno ao cainismo hispano, que tanto propagara a ditadura, víronse desmentidos nun momento histórico que o paso do tempo engrandece aínda máis”, aseverou, referíndose tamén ao terceiro vértice do trinomio democrático que acompaña a liberdade e a igualdade: a fraternidade.
Ao respecto, recordou que así como moitas revolucións se frustran debido a que os seus actores esquecen a fraternidade, no caso español os lazos fraternos que se tecen entre os constituíntes explica a consecución dun texto que non é de partido, senón que quere ser un espazo común.
Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego expresou tamén a admiración pola transición galega, onde “os seus arquitectos” teñen que traballar na obra xeral da democracia española, erguendo simultaneamente un autogoberno do que non existía precedente algún. “Houbo Pactos da Moncloa e houbo igualmente un Pacto do Hostal que soubo crear a forza democrática suficiente para evitar que a autonomía galega sufrise agravios”, recordou, subliñando que os cofundadores do autogoberno - Xosé Luís Barreiro, José Rivas Fontán, Francisco Vázquez, Luís Sobrado e Carlos Barros, entre outros- souberon estar á altura da historia e da sociedade galega daquel momento.
Logo de precisar que a aqueles cofundadores habería que unir, en xustiza, o primeiro presidente da Galicia autónoma, Xerardo Fernández Albor, o responsable do Executivo autonómico incidiu en que a España das autonomías e o autogoberno galego son dous grandes éxitos colectivos lexitimados, sobre todo, pola capacidade para xestionar a diversidade, os equilibrios territoriais e unha xustiza na asignación de recursos que ás veces se denomina, impropiamente, solidariedade.
Feijóo concluíu sostendo que os problemas de convivencia e a perda de calidade democrática fan erupción cando os valores constitucionais e autonómicos se esquecen. “O problema non estriba na Constitución nin nos Estatutos de Autonomía”, precisou, subliñando que a resposta é reafirmalos e rescatar con eles o estilo político de políticos como os que fixeron posible o Pacto do Hostal e os Pactos da Moncloa.
Deste xeito, afirmou que mal antídoto contra os que se alzan contra a Constitución das autonomías, sería converter en chibos expiatorios a autogobernos que teñen demostrado eficacia, solvencia e fidelidade ao proxecto nacional común. “Os procesos independentistas non teñen a súa orixe no autonomismo; son, pola contra, un desafío á España que é democrática por ser plural, e que é plural por ser democrática”, abundou.
Así mesmo, aseverou que mala terapéutica sería tamén desvirtuar o Estado das Autonomías mediante unha arbitraria asignación de privilexios, aínda que se agochasen baixo unha inocente xeometría. “E moito menos debe haber condescendencia con aqueles que desafían a nosa democracia”, aseverou, tras o visto nas últimas horas, ao tempo que pediu que “o Goberno non disfrace de convivencia o que é mera conivencia”.