A Coruña | A portavoz
nacional, Ana Pontón, non quixo entrar a valorar as enquisas, -“nin as que me
gustan menos, nin as que me gustan máis”-, que confirman un BNG en remontada
que, declarou, “vai ser a sorpresa destas eleccións”.
A líder nacionalista volveu apelar ao
voto das persoas indecisas para que o 28A collan a papeleta do Bloque porque
ten valor extra, que garante a defensa de Galiza e frea a entrada da dereita
“carca e antigalega” que representa Vox e CDs, cos que disputa escanos na
Coruña e en Pontevedra: “Confírmase algo que levamos tempo percibindo, que hai moita xente que está mirando
para o BNG, que hai unha onda de simpatía que medra e medra”, salientou.
Por iso, “o 28A os e as galegas temos a oportunidade de ser decisivos cun
voto que ten un premio extra, porque co voto ao BNG defendemos Galiza, defendemos
dereitos sociais, liberdades públicas e democracia pero tamén impede que haxa
nin un só escano desa dereitona rancia, machista e antigalega a que lle estamos
disputando escanos non só na Coruña senón tamén en Pontevedra, a esa dereita que
representa VOx e CDs”, argumentou.
E
neste contexto, cunha porcentaxe de voto moi alto sen decantar, Pontón fixo
unha apelación directa ao voto indeciso. “A todas esas persoas que teñan preocupación e non saben
aínda a quen votar dígolles que a papeleta do BNG é un voto que ten premio
extra porque non só defendemos os intereses de Galiza e os dereitos sociais,
senón que tamén vale para frear a extrema dereita rancia, machista e
antigalega”, recalcou.
De feito, Ana Pontón volveu
salientar que para optar polo Bloque non fai falta ser nacionalista, “o único
que se necesita é levar a Galiza na cabeza e no corazón, querer que este país
teña un futuro mellor e acabar cun trato discriminatorio que nos impide saír
adiante e ter un futuro máis esperanzador”.
A dirixente do BNG fixo estas
declaración nun acto no Porto da Coruña xunto co candidato ao Congreso por esta
provincia, Nestor Rego, onde puxo a dársena da cidade herculina como un exemplo
da discriminación das forzas estatais. “A situación cos terreos interiores do
porto e co financiamento de Punta Langosteira é un exemplo de manual da
discriminación do Estado e do inútil que resulta ter deputad@s que en lugar de
defender os intereses dos e das galegas están para facer o que mandan os seus
xefes dende Madrid”, denunciou tras lembrar que o Estado investiu nos portos de
Xixón, Valencia, Barcelona e Bilbao máis de 5.000 M€.
Neste sentido, pregúntase “porque razón non hai o mesmo compromiso coa Coruña e aquí se pretende
vender uns terreos que son da cidade e que deben volver a mans da cidade cando
cesen os usos portuarios”, explicou. “O compromiso do BNG é claro: condicionaremos
o goberno do Estado a que financie Punta Langosteira e que os terreos do porto
interior sexan devoltos á cidade”, sintetizou.
Transferencias
O candidato Nestor Rego fixo explícito o seu compromiso para face valer as
demandas da Coruña a partir do 28A nun Congreso sen maiorías absolutas a partir. “Que se atendan as principais
reclamacións da cidade basicamente en tres aspectos. A condonación da débeda de
Punta Langosteira finiquitando a discriminación con respecto ao porto de
Valencia, dotación e execución orzamentaria dos 140 millóns necesarios para a
conexión co porto exterior que lle da operatividade e competitividade e, en
terceiro lugar, que os terreos do porto interior sexan devoltos á cidade da
Coruña”, explicou.
Rego tamén salientou a aposta dun BNG
decisivo no Estado para conseguir a transferencia dos portos, “porque ninguén
mellor que nós e desde aquí sabemos cales son os problemas e cales son as
solucións, ninguén nun despacho na Castellana
vai coñecer mellor o porto da Coruña, as súas necesidades e usos que os galegos
e as galegas desde o noso país”, concluíu.