A
portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai a pleno para o seu debate
e votación a proposta de reclamar pola vía xudicial os 700 millóns de euros que o Estado debe
a Galicia, ao tempo que critica a falta de contundencia do presidente da Xunta para
defender os recursos financeiros que son do país.
“Denunciamos a morna resposta que está
dando ante o feito de que o Estado non
desbloquee a totalidade dos recursos pendentes, e por iso no próximo pleno imos
defender unha iniciativa para que demandemos pola vía xudicial a totalidade dos
cartos que o Estado nos debe os galegos e ás galegas”, explicou Pontón, quen
tamén avanzou que “hai que dar un debate de fondo, porque o problema vai máis
aló das entregas a conta e está nun modelo de financiamento inxusto e
insuficiente, que nos fai perder recursos e oportunidades”.
Financiamento e crise industrial
centraron a comparecencia da líder nacionalista, quen criticou o último e “inútil
rifi-rafe” entre PP e PSOE culpándose
mutuamente da crise industrial de Galiza. “Os dous partidos son responsables dunha
crise que ten en risco máis de 6.000 postos de traballo e coloca ao borde do
abismo a comarcas enteiras de norte a sur do país”, indicou Pontón, “dúas
forzas que fixeron todo o posible para levar a Galiza á irrelevancia política”. “Por iso é tan urxente recuperar peso
político en Madrid a partir do 10N da man da única forza coas mans libres para
defender os intereses deste país”, -recalcou-, máxime tras estes meses nos que
volveu quedar en evidencia “que se o BNG non está no Congreso a Galiza vaille
mal”.
No caso concreto da central de ENDESA nas
Pontes, o Bloque formula unha batería de cinco propostas. En primeiro lugar, demandar do Goberno central que non conceda autorización
para un peche repentino e brusco da central, senón que debe traballarse en
buscar alternativas que garantan futuro para As Pontes. En segundo lugar, constituír
de inmediato unha mesa para unha transición enerxética xusta nas Pontes, que
inclúa á empresa, Xunta, Goberno central e representantes sociais.
Como terceira medida, que Galicia
teña igualdade de acceso os recursos para a transición enerxética. Empezando por unha compensación pola débeda histórica derivada
dos incumprimentos do Plan Carbón e pola súa exclusión a partir de 2012, garantir
a inclusión nos fondos europeos de compensación por descarbonización e esixir
investimentos das propias empresas eléctricas, -“porque isto non pode ser un
novo rescate bancario”, subliña Pontón-.
Plan de choque
Como cuarta proposta, o
Bloque demanda á
CNMV a elaboración dun novo informe sobre descapitalización de ENDESA por parte
de ENEL e dos beneficios expatriados. E, como quinta
medida, plan de choque para a
industria galega planificado con base ás liñas
estratéxicas como a defensa da tarifa eléctrica galega, participación pública en
sectores estratéxicos da economía, aposta por xerar valor engadido, a innovación
e o peche de ciclos produtivos.
Igualmente, un fondo
extraordinario para frear a desgaleguización, deslocalización e peches que reducen a capacidade produtiva,
así como facer unha aposta pola intervención pública do sector enerxético galego, por
exemplo, a través do rescate de centrais que acaben as concesións ou a participación
pública nos sectores chave coma o eólico.
“A solución á crise industrial pasa
porque Galiza teña peso político, podamos decidir sobre aspectos claves da nosa
economía e acabemos coa irrelevancia a que nos conduciron as forzas estatais,
que pasan tanto dos e das galega que até veñen en precampaña a pedir o voto sen
aportar nin unha soa solución ante a crise de ALCOA ou ante o anuncio de ENDESA
de pechar abruptamente a central das Pontes”, concluíu. Departamento de comunicación