VIGO | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe en
Vigo e Pontevedra na presentación da candidatura socialista ás vindeiras
eleccións xerais pola provincia ao Congreso e
ao Senado.
É,
como destacou o líder dos socialistas galegos, “unha magnífica
candidatura”, que xa acadou “uns resultados históricos” o pasado 28 de
abril, de xeito que apelou á “mobilización masiva”. “Xogámonos
o futuro do país”, recalcou Gonzalo Caballero, consciente de que o 10-N
vai servir para confrontar “o modelo de progreso, de avance social, de
defensa dos dereitos e das liberdades” que representa o PSOE e “o modelo
que representan as dereitas e a ultradereita, que supón unha ameaza e
un risco para o progreso do país”.
“Todos os
progresistas temos que cumprir co dereito e tamén coa
corresponsabilidade de frear ás tres dereitas. Non queremos atoparnos
con Pablo Casado presidindo un Consello de Ministros no que estea
sentado Santiago Abascal”, incidiu. Non en van, o máximo
dirixente do PSdeG contrastou “o risco” que supón esta alianza para
dereitos como o aborto, a eutanasia e a igualdade entre mulleres e homes
cos “avances” impulsados polo goberno socialista e que supuxeron
beneficios directos para máis dun millón de persoas en Galicia.
“Subiu
o SMI, subiron as pensións, subiron os salarios dos empregados
públicos”, enumerou Gonzalo Caballero, sen esquecerse do compromiso do
goberno de Pedro Sánchez de subir de novo as pensións o 1,1%. “Isto é o
que non pasaba cando gobernaba o PP de Rajoy”, remachou. Así pois, o secretario xeral sinalou que “o único voto útil para o
progreso e o avance social é o voto ao Partido Socialista”, fronte ao
“varapau” que recibiu o PP o 28 de abril. “Agora fuxe do electorado
desta provincia para irse a Madrid porque en Pontevedra, e en Galicia, o
PP sabe que está nunha fase de retroceso histórico”, concluíu.
Ana Pasor "non podía pedir o voto en Vigo"
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, recordou os
“recortes” da etapa de goberno de Mariano Rajoy, que trouxeron moito
“sufrimento” á xente e ao sector industrial. E, tras
poñer en valor os perfís dos candidatos e candidatas da lista socialista
por Pontevedra, sinalou tamén que Ana Pastor marchou cara Madrid
“porque non podía pedir o voto en Vigo”. “Conxelou o AVE durante cinco
anos, paralizou a estación, non quixo cedernos espazo para a
biblioteca...”, enumerou.
Finalmente, Abel Caballero puxo en valor que a número un da lista
volva ser Olga Alonso, mestra e ex-concelleira de Vigo, de xeito que
ironizou con que “se os candidatos dos outros partidos necesitan que
lles ensine a cidade e coñecer as súas necesidades, ofrézome”. Departamento de comunicación