Esquerda
Unida denuncia o mantemento da precariedade laboral, a cronicidade da pobreza e
a fenda salarial no Día Internacional pola Erradicación da Pobreza. España é o
terceiro país de Europa con máis traballadores pobres, cunha gran fenda
salarial, salarios baixos e un debilitado mercado laboral. Como lembra a
coordinadora nacional de Esquerda Unida, “a maior parte do emprego novo que se
crea no noso país é precario. Tal e como vimos denunciando nos últimos anos, as
galegas e os galegos asistimos a un empobrecemento xeneralizado da clase
traballadora, que leva consigo a cronicidade da pobreza”, sinala Eva Solla.
Segundo o informe que vén de presentar CCOO, máis de
medio millón de persoas en Galicia, case o 20% da poboación, viven por baixo do
limiar da pobreza, fixado en 8.871 euros anuais para unha persoa soa, aínda que
a porcentaxe sube moito no relativo a salarios baixos e a metade da poboación
ten serios problemas en chegar a fin de mes. “Estamos ante unha precariedade
xeneralizada pero que afecta de forma especial ás persoas novas e ás mulleres e
que se transforma en pobreza laboral. A xestión neoliberal da crise, por parte
do PP é a responsable de que en Galicia teñamos traballadores pobres”, apunta
Solla.
Tal e como explica a coordinadora nacional de Esquerda
Unida, nestes últimos anos “vemos preocupadas como se está a impoñer unha
modalidade contractual precaria, de menos horas e máis inestabilidade e que
afecta a case o 90% dos novos contratos”. Doutra banda, “os salarios que
perciben as e os traballadores, en xeral, é decrecente e escaso, o que fai que,
por exemplo, un 14% de persoas que traballan na nosa comunidade sexan pobres”.
“Aínda que a situación de precariedade cébase máis
especialmente coa mocidade, máis do 80% móstrase disposta a emigrar para atopar
traballo e, doutra banda, moitas persoas xa perderon toda esperanza e abandonan
as listas do paro. Deste modo, a destrución de emprego indefinido e de calidade
é a condena de xeracións futuras a vivir condicións precarias inaceptables”,
reflexiona a coordinadora.
Por todo isto, dende Esquerda Unida denunciamos o
empeoramento na calidade de vida de máis do medio millar de galegas e galegos
que viven baixo o limiar da pobreza e demandamos medidas urxentes como a
promoción do emprego de calidade, levar a cabo políticas activas de emprego ou
revalorizar as pensións segundo o IPC para rematar coa cronicidade a pobreza
que asolaga a galegos. Departamento de comunicación