O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, advertiu
hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2020 “van moi por detrás das
necesidades” en materia de Política Social. Así, sinalou que as
afirmacións de Feijóo sobre o apartado social das contas teñen “truco”
ao obviar o deterioro da sanidade, sinaladamente a atención primaria ou
as listas de espera, así como os retrasos na Dependencia ou nas
residencias.
En realidade, dixo, o esforzo do goberno
galego en materia de persoal pon á sanidade ao nivel de 31 de decembro
de 2018, apenas hai un ano, mentres agocha “maquillaxe contable” ao
contar como orzamento asistencial do Sergas 32 millóns de euros que en
realidade forman parte do Fondo de Continxencia.
Fernández
Leiceaga advertiu que as contas do goberno galego para o próximo ano
“desenténdense da política industrial”, cunha redución xeneralizada nas
partidas máis importantes logo de demostrarse incapaz de executar os
orzamentos previstos en anos anteriores. Resumiu así que a súa “falla de
atención ao nivel de execución” dos orzamentos deriva na redución das
contías previstas para 2020.
É o caso das partidas destinadas a fomento do emprego estable e de
calidade, ou ás partidas de I+D+i, que orzamentan un gasto de 57 millóns
de euros pero deixan outros 124 millóns de créditos non comprometidos,
que “a día de hoxe non saben para que son”. O mesmo sucede, dixo, coas
partidas para desenvolvemento rural e empresarial.
Criticou
que o goberno galego veña reducindo as partidas que máis poderían
axudar ao tecido económico e industrial en pleno contexto de
dificultades económicas previstas polo Brexit, a guerra arancelaria
entre Estados Unidos e China, ou o endurecemento transición industrial
fixada pola UE.
Rebaixas fiscais
O
portavoz socialista advertiu que a rebaixa fiscal anunciada por Feijóo
tan só beneficia ás grandes fortunas e “non chegan ao cidadán medio”,
como sucedeu no ano pasado ao reducir o imposto de Sucesións e Doazóns
para as maiores rendas e volve suceder neste exercicio no imposto de
Patrimonio. Explicou que o goberno galego incrementa o limiar por
herdanzas exentas dende os 400.000 ao millón de euros por herdeiro.
Fernández Leiceaga explicou que os orzamentos do goberno galego “en
vez de combater a desigualdade, en realidade a incrementan pola súa
política fiscal”, mentres deixan sen executar importantes partidas que
deberan estar destinadas á creación de emprego estable. Acusou á Xunta
de permitir a “exportación de traballo cualificado” mentres o aforro
galego é exportado a través de intermediarios financeiros ou en forma de
participacións na bolsa de valores.
Dixo que a Xunta de Galicia leva dez anos “mantendo o tipo” a duras
penas nos servizos básicos entre 2010 e 2020, mentres reduce 700 millóns
en gastos de capital, os destinados a incrementar a produtividade, que
“se manteñen polas transferencias externas”, tanto do Estado como de
fondos comunitarios. Departamento de comunicación