O candidato do BNG, Néstor Rego, exixirá no
Congreso a devolución dos bens patrimoniais galegos expoliados polo Estado
español e depositados en centros públicos como o Museo Arqueolóxico de Madrid.
Esculturas do taller do Mestre Mateo da Catedral ou columnas de San Paio de
Antealtares ademais dunha colección de torques de grande valor son algunhas das
máis de trinta pezas que se atopan na colecció do centro do Ministerio de
Cultura do Goberno de España.
"Queremos
recuperar ese patrimonio artístico e documental para o pobo galego porque é
froito dun espolio que se produciu ao longo de moito tempo por parte do
Estado", afirmou Néstor Rego na súa comparecencia na Praza da Quintana, ao
pé de dous edificios dos que foron subtraídas algunhas das obras, a propia
Catedral de Santiago e o mosteiro de San Paio de Antealtares.
Anunciou
o candidato do BNG que reclamará no Congreso o patrimonio histórico artístico
espoliado, en especial, o presente nunha institución pública como é o Museo
Arqueolóxico de Madrid, "como mínimo, 33 pezas de extraordinario valor
para o noso país, algunhas de arte castrexa e outras románicas como as obras do
taller de Mestre Mateo, unha colección importante de torques e ourivaría como a
diadema de Ribadeo ademais doutras pezas"
Unha demanda con precedentes
"Esta
demanda partilla dun movemento que existe hoxe no mundo contrario a esta pillaxe
artística que se ten producido como resultado de procesos de colonización e nós
tamén reclamamos que esas pezas sexan exhibidas no noso país", explicou
Néstor Rego que fixo tamén referencia tamén á recente devolución de máis de
duascentas pezas de Cataluña a Aragón despois de dúas sentenzas xudiciais.
Para
o candidato do BNG, a vía para recuperar o patrimonio galego "ten que ser
pola propia vontade política xa que están en mans dunha institución do Estado
e, nese sentido, é fundamental ter representación do BNG en Madrid, termos unha
voz propia que poña sobre a mesa do debate político cuestións fundamentais para
nós como pobo".
Lembrou
tamén que xa no ano 2006 o deputado nacionalista en Madrid, Francisco
Rodríguez, conseguira un acordo parlamentar no Congreso para que foran
devoltos, cando menos copias dixitalizadas, dos fondos documentais dos
mosteiros galegos que foran espoliados a partir da desamortizacións, "mais
trece anos despois aínda non foi executado ese acordo e nós insistiremos para que
se faga realidade".
En
concreto, un Santiago o Menor que formou parte do Coro do Mestre Mateo e un San
Bartolomeu, tamén do taller do Mestre Mateo, pertencentes á Catedral de
Santiago son dúas das pezas que se atopan no catálogo do Museo Arqueolóxico
Nacional de Madrid, xunto con outro importante conxunto de obras do románico
entres as que se atopan un San Xoán Bautista procedente de Montefaro, en Ares,
e dúas columna que formaron parte do conxunto escultórico de San Paio de
Antealtares ou mesmo unha porta de sagrario da Igrexa de Santa Clara.
O
catálogo do centro museístico público situado en Madrid conta cun
importantísimo conxunto de torques de grande valor que teñen como lugar de
referencia Sobrado dos Monxes, Betanzos, A Coruña, Ortigueira, Cospeito ou
Ribadeo que forman parte da sección "Protohistoria e Colonizacións".
Tamén na colección do museo público atópanse ferramentas da Idade do Bronce
procedentes de territorio galego e pezas históricas de cerámica da fábrica de
Sargadelos. Departamento de comunicación