A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da
Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro nas
provincias da Coruña e Lugo. Segundo informa a Axencia Estatal de
Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de
nivel laranxa afectará desde hoxe á tarde ao noroeste e ao oeste do
litoral da provincia da Coruña e a partir da medianoite tamén se
estenderá ao suroeste da costa coruñesa e á Mariña de Lugo. Agárdanse
ventos do sur ou do noroeste de forza 7 e mar combinada do noroeste con
ondas de 5 a 7 metros segundo a zona.
Ademais, no litoral de
Pontevedra a alerta será de nivel amarelo tamén desde hoxe á tarde por
mar combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros.Por este
motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a
Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de
Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos
da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e
agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos,
entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas
para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Debido ao
temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das
praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que
poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, é preciso evitar
aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas
que poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos
de balcóns e fiestras. Tamén se aconsella a suspensión das
actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas
zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora
de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das
embarcacións.
Alerta amarela por neve
Hoxe tamén se
activará a alerta amarela por neve en zonas de montaña das provincias de
Lugo e Ourense que se prolongará ata a tarde de mañá. Nestas zonas,
agárdase acumulación de máis de 5 centímetros de neve en cotas en torno
aos 1.100 metros.