Na comparecencia
para valorar os resultados electorais, a
portavoz nacional do BNG, Ana Pontón agradeceu o apoio de todos os
galegos e galegas que confiaron no BNG así como a militancia e colectivos, como
Compromiso por Galiza, e persoas “sen o carné do BNG” que fixeron posible o
retorno desta forza política ao Congreso dos deputados.
A
portavoz nacionalista afirmou que é “unha boa noticia que o Bloque” volva a ter
representación porque será a garantía de que Galiza exista con “voz propia” pero tamén para contribuír a que no Estado español non se
produza ningún tipo de involución democrática. Estaremos aí para que se produza
un goberno de progreso pero sempre marcado por “unha axenda galega e con
solucións aos problemas do noso país”, explicou.
Ante
o novo mapa político do 10N, Pontón mostrou a súa preocupación
polo peso da extrema dereita cuxa responsabilidade,
dixo, corresponde tanto a dereita como á esquerda española. O Partido popular e
Ciudadanos pactaron con Vox normalizando a un partido “xenófobo, racista,
machista e antigalego” e PSOE e PODEMOS
por non plantarlle cara na campaña electoral contribuíndo ao seu
“branqueamento”.
A extrema
dereita, afirmou Pontón, “hai que desenmascarala e denunciar que non é unha
forza política democrática”, que busca o retroceso dos dereitos e liberdades e mesmo se atreveu a defender “a
ilegalización da Xunta de Galiza, do Parlamento de Galiza e do BNG”. Que máis
ten que pasar, preguntou a líder nacionalista, para que Núñez Feixóo se
“desmarque dos pactos do Partido popular coa extrema dereita?. Se non o
fai é cómplice do seu branqueamento”.
Pontón
manifestou que en Galiza, xunto a Euskadi e Navarra, a extrema dereita non
obtivo ningunha representación e concretamente en Galiza “foi o escano do BNG o
que lle parou os pes”. A
portavoz do BNG tamén se referiu aos resultados acadados polas forzas
nacionalistas do Estado que achacou ao
discurso recentralizador e unha deriva que pretende “negar as nacións
que conforman o Estado español”.
A
líder nacionalista reiterou que o BNG é unha forza política que “vai a alza e
suma”, coa man tendida a todos os galegos e galegas que cren que Galiza precisa
dunha alternativa como a que representa o BNG. Fixemolo nesta campaña e seguiremos
nesa senda porque temos un grande reto no ano 2020, “un cambio” para alonxar da
Xunta de Galiza ao Partido popular e para iso é necesario que o BNG obteña o
mellor resultado posible, concluíu. Departamento de comunicación