O Consello Nacional do BNG inicia o vindeiro sábado, 16
novembro, o proceso para designar á candidata ou candidato á Presidencia da
Xunta de Galicia nas eleccións ao Parlamento galego, previstas para o ano 2020.
Co ánimo de ir a por todas, o BNG encara as eleccións galegas como unha
oportunidade para abrir un tempo novo en Galiza que remate con 10 anos dun PP que aplicou
políticas lesivas e deixa a Galiza sumida nunha crise industrial e cos servizos
públicos deteriorados. Fronte este fracaso, o BNG ten un proxecto de país
ambicioso, con confianza en Galicia e que
aposta por potenciar os sectores
produtivos, a ciencia, a innovación e avanzar nos dereitos socias, económicos e
de igualdade.
Co proceso de designación de
candidato ou candidata á Presidencia de Galicia,
cada militante do BNG pode presentar a súa candidatura, e participar na
votación. Todos e todas as militantes
que non poidan asistir á asemblea comarcal ás que están adscritos poderán participar a través do
sistema telemático, entre os días 4 a 13
de decembro.
As candidaturas contarán cun aval de
200 militantes e cada militante poderá avalar unha soa candidatura.
A Executiva Nacional do BNG porá a disposición das sedes comarcais e das
candidaturas os pregos oficiais para a recollida dos avais necesarios. As candidaturas serán presentadas entre o 26 de novembro e o 2
de decembro na Sede Nacional do BNG e deberá contar coa designación
dun apoderado e un suplente para representala. Tras verificar os avais, a Executiva
Nacional do BNG dará por concluído o proceso para a proclamación de candidato ou candidata á Presidencia da Xunta
de Galicia nas eleccións do 2020.
A militancia do BNG escolle a candidatura á Presidencia da
Xunta
Do 4 ao 13 de decembro
as asembleas comarcais presentarán e
aprobarán as candidaturas. No caso da militancia do BNG na emigración poderá exercer
o seu voto de maneira telemática e con
garantías de privacidade, despois de seren previamente informada por vía electrónica
das propostas presentadas e que poderán votar, entre os días 11 e 13 de
decembro.
O proceso rematará cun escrutinio
final que será trasladado ao Consello Nacional, órgano colexiado do BNG e
encargado de facer público o día 11 de
xaneiro a candidatura co maior número de votos. O proclamación do candidato ou
candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións do 2020 será
presentada nun acto nacional nos
primeiros días do mes de xaneiro.
A proposta para abrir o proceso de
elección de candidato ou candidata á Presidencia da Xunta de Galicia que será
debatida na reunión do Consello nacional do BNG, o vindeiro sábado día 16 de
novembro, pode estar suxeita a cambios. Departamento de comunicación