El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | PLENO DO PARLAMENTO

O BNG propón cambios nas partidas de gasto dos orzamentos por valor de 1.200 millóns

18-11-2019 18:40:43

O BNG presentou unha batería de emendas de transferencia entre consellerías que implican modificacións nas partidas de gasto por valor de 1.200 M€ e modificacións fiscais que suporían uns ingresos adicionais de 225 M€. En relación as propostas fiscais, a portavoz de Economía, Noa Presas, explicou que os  cambios “non afectan ao aforro das maiorías sociais senón que implican apostar por un novo modelo económico, fiscal, ambiental e social e corrixe o modelo tributario regresivo do PP”. A cifra adicional viría de darlle maior progresividade ao IRPF e ao IS reducindo o mínimo exento e modificando a tarifa daqueles que superen os 60 M€. Tamén con novos impostos.

Entre eles a taxa a bebidas con exceso de azucre, gravar as vivendas baleiras por máis de dous anos sen causa xustificada, -hoxe a principal inmobiliaria é a SAREB e fondos voitre-, imposto ás comunicacións electrónicas, ás grandes superficies ou unha taxa ás redes de alta tensión. Nas partidas de gasto, os cambios introducidos polo BNG establecen as súas prioridades: dar resposta ás necesidades da sociedade, afrontar a crise industrial e recuperar os servizos públicos danados tras unha década de recortes, sintetizou Presas.

A destacar: destinar o 1% do orzamento (126M€) á loita contra a violencia machista, -“menos lamentos e máis orzamentos”-, sintetizou a deputada, o que permitiría financiar un Plan contra a violencia machista; destinar 4M€ a financiar unha estratexia contra a fenda salarial, 12 M€ para sufragar un programa de desenvolvemento e cooperación para as comarcas afectadas pola transición enerxética ao que se engade 22 M€ para un plan de reactivación económica urxente contra a deslocalización de empresas. En relación a outros sectores económicos, Presas propuxo un plan estratéxico para a pesca de baixura e de recuperación do marisqueo, un grupo lacteo galego e un banco de terras agrarias.

Dentro do apoio ao sector industrial, o Bloque inclúe cambio no gasto inicial para destinar 6 M€ a poñer en macha unha estratexia para o sector naval, 35 M€ para un plan pola ciencia e a innovación e 5 M€ para un programa de consolidación da carreira investigadora. Benestar social e servizos públicos absorben parte das prioridades de gasto do Bloque, con 200 M€ para atención primaria e propostas como un plan de emprego na sanidade pública e recuperación dos acordos de 2010, plan de saúde mental, ampliación da cobertura bucodental ou un plan de choque contra as listas de espera. En dependencia, a proposta pasa por poñer en marcha a planificación dun sistema público de servizos sociais e eliminación das listas de espera.

En materia de integración social, o BNG destina 90 M€ para financiar unha renda de garantía social e laboral para aquelas persoas que non teñan ningún ingreso, e 40 M€ para incrementar as pensións non contributivas e os subsidios. E no eido educativo, a formación nacionalista coloca entre as prioridades de gasto a posta en marcha dun plan de recuperación dos servizos públicos educativos, aumentar os fondos do SUG, luz programa de gratuidade dos libros de texto e un plan de recuperación da xestión directa dos comedores escolares e incrementar as bolsas ao alumnado universitario. En definitiva, concluíu Presas, “precisamos uns orzamentos que se adapten á realidade e ás necesidades do presente, ou corremos o risco de que cando se vexan as cousas máis claras sexa demasiado tarde”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias