O
BNG lanza a campaña do 25N Día
internacional da eliminación da violencia contra as mulleres que este ano
ten como obxectivo concienciar contra todos os tipos de violencia que se
exercen contras as mulleres polo mero feito de selo e denunciar o avance do discurso
negacionista do terrorismo machista por parte da extrema dereita en solitario
ou en alianza coa dereita do PP.
Cada vez que se nega a existencia da
violencia de xénero “a violencia queda dentro”, explica a viceportavoz
parlamentaria, Olalla Rodil, na presentación da campaña de aí a representación
a modo de matrioska que esconde capa sobre capa as diferentes modalidades de violencia
machista até encerrar unha bala no seu interior para simbolizar o efecto “letal”
das violencias de xénero que se negan ou se ocultan.
“Fronte a eses discursos de odio, fronte
ao discurso negacionista e machista da extrema dereita, en solitario ou de
ganchete co PP, pero tamén fronte a quen
practica un discurso paternalista como Feixóo e fala de protexer as súas
mulleres, as súas nais e irmás coma se as mulleres tivésemos dono e non puidésemos
falar por nós mesmas”, explicar Rodil, “fronte a todo iso, desde o BNG quixemos
centrar a campaña en poñer o foco en todas as formas de violencia exercidas
contra as mulleres polo simple feito de sermos mulleres”.
Rodil salienta que hai formas de violencia recoñecidas como tales pero é
preciso “sensibilizar á sociedade” ante outras violencias múltiples e diversas,
“moitas invisibilizadas e normalizadas, pero igualmente letais”.
“Cada vez que se xulga o noso modo de vestir, cada vez
que as mulleres somos representadas como obxectos hipersexualizados nunha
campaña publicitaria, cada vez que nos pagan menos polo mesmo traballo, cada vez
que un xornal di que morremos e non
que nos asasinan, cada vez que nos violan e a Xustiza di que non é violación, cada
vez que somos cuestionadas, todas son formas de violencia”, argumenta a
viceportavoz parlamentaria.
De aí o lema A violencia queda dentro, simbolizado nunha matrioska para
exemplificar a suma de capas de violencia, que pode ser física, psicolóxica,
sexual, xudicial, económica ou mediática e publicitaria entre outras.
Rodil destacou os logros do movemento
feminista pero sen obviar que queda moito por facer, como por exemplo conseguir
xulgados específicos en todas as cidades galegas ou conseguir mudar a
lexislación española que non recoñece todas as violencias machistas como si fai
a lei galega, moito máis avanzada.
Por exemplo, a lexislación estatal non
recoñece violación cando a muller está inconsciente ou cando non hai relación
de parella entre vítima e agresor, como no triplo crime de Valga, no que só unha das asasinadas é
considera vítima do terrorismo machista segundo a lei estatal.
Menos discursos e máis recurso
Igualmente, hai que suprimir as
subvencións a colexios que segregan por sexos en contra do máis elemental
criterio de igualdade.
Precisamente por todos os retos que
aínda quedan, o Bloque fai un chamamento á participación masiva nas
mobilizacións do 25N, e demanda máis recursos nos orzamentos da Xunta, en
concreto, destinar o 1% a loita contra as violencias machistas, 100 M€. “Menos discursos e máis
recursos”, sintetizou Rodil. Departamento de comunicación