El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "É hora do cambio"

18-12-2019 15:31:49
Gonzalo Caballero, no Parlamento gallego.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, preguntou hoxe a Feijóo no Parlamento polo peche do paridoiro do Verín, unha cuestión que cualificou como “un ataque á sanidade pública e ao medio rural” e unha mostra máis da “falta de credibilidade” do presidente, que pasou de aducir “falla de seguridade” nos partos a obxectar que non hai pediatras para manter o servizo.


Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero recordoulle que “chegou a dicir nesta Cámara que todos os pediatras e xinecólogos da área sanitaria de Ourense respaldaban esa decisión”, unha nova “mentira” á vista das declaracións públicas feitas por distintos médicos nestes días.

“O paridoiro pecha por unha cuestión de xestión, de recortes, de quitar un dereito a unha zona rural e deprimida polo custe que supón”, leu o líder dos socialistas galegos dunha entrevista ao xefe de xinecoloxía de Verín, e engadiu do seu homólogo en Valdeorras: “Están mentindo, están metendo medo sobre a calidade da asistencia nos comarcais sen dar ningún dato”.



“Os médicos negan o seu criterio”, recalcou Gonzalo Caballero, para esixir a Feijóo que “rectifique a decisión política” de pechar o paridoiro de Verín e que “cese” aos seus responsables; ou que do contrario aclare se “vai pechar os paridoiros de todos os hospitais comarcais”, xa que en ningún dos sete se chega aos 600 partos anuais que referiu a Xunta para dar o servizo “con seguridade”.



Así as cousas, o candidato socialista á Presidencia da Xunta reafirmouse en que o peche do paridoiro de Verín “non foi por criterios técnicos, senón pola política dun goberno indolente e sen empatía, que non sofre cos recortes nin se pon do lado da veciñanza” e lamentou que Feijóo se negue a dar marcha atrás.



“É vostede un inimigo do sistema sanitario público”, espetoulle Gonzalo Caballero, crítico coa posición “ultraconservadora” de Feijóo coa que “confronta ata Baltar”. E, á vista da negativa de Feijóo a “desculparse” e reabrir o paridoiro de Verín, advertiulle de que esta decisión “marca xa o fin da súa etapa á fronte da Xunta”, á vista de que os seus ataques ao servizo público son xa “un clamor en toda España”.





“Os galegos non o van perdoar”, remarcou o secretario xeral do PSdeG, e garantiu que “cando os galegos poñan un goberno progresista na Xunta, garantiremos os medios técnicos e humanos para reabrir o paridoiro de Verín con todas as garantías”. “É hora do cambio, porque cada día que pasa é vostede un problema máis grave para os galegos”, concluíu Gonzalo Caballero, antes de reprobar que Feijóo acuda á Cámara para falar das melloras na sanidade pública. “Vive vostede na Arcadia feliz”, remachou.







www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias