Estamos en tempos de Nadal e aulas como
esta están baleiras. Porén son un lugar axeitado para reflexionar con
todos vostedes sobre a Galicia que compartimos. Esa Galicia ten nas
escolas e institutos a mellor garantía de que o noso éxito colectivo vai
proseguir no futuro. Sabíano os nosos emigrantes sempre preocupados por
patrocinar, mediante as chamadas “escolas de indianos”, unha educación
que eles consideraban fundamental para o rexurdimento da nosa terra.
O
seu esforzo frutificou e o esforzo educativo feito pola Galicia
autogobernada vén de ser avalado polo coñecido Informe Pisa, o estudo
internacional máis prestixioso sobre a calidade do ensino. A nosa
comunidade sitúase en cabeza das autonomías españolas en Ciencia e nos
primeiros postos en Matemáticas.
É un mérito dos escolares, dos
ensinantes, das familias e tamén da sociedade na que viven e se forman
os nosos nenos e mozos. Nun tempo que é pequeno en termos históricos,
Galicia pasa de sufrir un sistema educativo precario e desigual, a
contar con medios e recursos humanos e materiais que nos equiparan cos
países máis adiantados. En aulas coma esta proporciónase un Ensino
Público de calidade e con igualdade de oportunidades.
Os nenos e
os mozos, as nenas e as mozas, son o noso principal activo. Por iso,
nunca será dabondo o esforzo por dotar o noso sistema educativo non
soamente de ferramentas pedagóxicas, senón tamén de valores como a
tolerancia. Sentir orgullo do que somos sen que iso implique rexeitar a
ninguén forma parte da nosa maneira de ser e axudará aos nosos mozos a
desenvolverse mellor nun mundo que lles pertence.
A Galicia que
vai entrar no 2020 está nun mundo complexo, nunha Europa que afronta
serias disxuntivas e nunha España sometida a sobresaltos. Nese contexto
cheo de sorpresas pouco tranquilizadoras, Galicia forma parte dos pobos
que consideran a estabilidade como un requisito para o benestar das
persoas.
A experiencia demostra, en efecto, que a inestabilidade
conduce á parálise política e, por iso, ao atraso interminable de
decisións urxentes. A política que propicia a inestabilidade deixa de
ser un motor da sociedade para converterse nun atranco. A política
cautiva de posicións extremas, altera a harmónica convivencia das
persoas.
Tanto unha como a outra están lonxe do carácter propio
dos galegos, pero afectan negativamente aos intereses galegos. Galicia
segue agardando por recursos que son seus e que están inexplicablemente
retidos pola Administración central. Galicia sente unha lóxica
inquedanza pola indefinición da data de finalización das obras do AVE.
Galicia asiste con estupor a unha errática política que parece destinada
a condenar a unha parte do noso sector industrial, malia a súa
capacidade tecnolóxica e á súa adaptación ao mercado. Especialmente
nestas datas temos na cabeza as familias que padecen esta incerteza.
Mentres
tanto prímanse acordos con forzas e líderes xulgados e condenados, que
teñen o propósito confesado e ratificado de socavar primeiro a España
das Autonomías para fragmentala mediante procesos de ruptura. E
descártanse entendementos baseados na moderación que propiciou a etapa
máis fecunda da nosa historia. Galicia non permanece nin permanecerá
calada cando a necesaria estabilidade da nosa nación común se entrega
como moeda de cambio.
Nestas aulas do Instituto Blanco Amor de
Ourense fun alumno e agora son un alumno de Galicia. Un gobernante ten a
obriga de aprender constantemente do seu pobo. É a mellor maneira de
acertar e de saber cando un se equivoca. Rectificar decisións
equivocadas, mal explicadas ou mal entendidas, forma parte das obrigas
dun político con responsabilidades públicas; así o entendo.
E ser
un pobo reivindicativo, consciente dos seus deberes e dereitos, é algo
que caracteriza á nosa Comunidade e que supón un constante acicate para
os seus gobernantes. Galicia é unha aula ampliada na que se
practica decote unha reivindicación que vai da man da unidade: a mesma
unidade que predicou sen descanso a Xeración Nós, cuxo centenario
celebramos no 2020. Como a Xeración Nós, Eduardo Blanco Amor
–que dá nome a este instituto e no que neste 2019 cómprense 40 anos do
seu falecemento– formou parte do elenco de galegos ilustres que
traballaron polo rexurdimento sen rancores nin revanchismos, sen excluír
a ningún galego de ben disposto a traballar na obra común. A el
debémoslle unha obra memorable, e sobre todo un pensamento integrador
que hoxe ten máis vixencia que nunca, fronte a tendencias que teiman por
fraccionar nacións, pobos e sociedades.
Xuntos somos máis
fortes. O alento dun pobo unido chega con máis intensidade ás persoas e
colectivos que padecen situacións difíciles, como os traballadores de
industrias golpeadas por problemas internos ou por decisións ou
indecisións de índole política; como os enfermos; como os marxinados e
emigrantes; como as mulleres que sofren calquera tipo de violencia
machista.
Todos formamos parte dunha comunidade que é tal
porque ten moitas cousas en común e quere seguir camiñando unida sen
deixar atrás ou de lado a ninguén. Pensando sobre todo no que garante o
noso futuro:
.- As familias, que desde o próximo 1 de abril non pagarán gardería a partir do segundo fillo.
.- Ou nos mozos, que teñen por primeira vez transporte gratis nas liñas que dependen da Xunta ata os 21 anos.
.- Ou
na Galicia verde, que queremos deixar á vindeira xeración, con
instrumentos que aprobamos para apostar por unha Galicia que loite
contra o cambio climático e promova a economía circular.
.- Ou na
Galicia innovadora, apoiando a ciencia e a innovación nas empresas para
que o cambio de modelo xere oportunidades en lugar de incertezas.
Queremos
que a Galicia da nova década sexa máis que nunca Galicia Calidade. Unha
Galicia que se marca novas metas e obxectivos máis ambiciosos para
poder seguir sentindo o orgullo de acadalos.
Esta aula é unha boa
metáfora do que Galicia significa. Por aquí pasamos varias xeracións e
pasarán moitas máis. Cada unha é distinta e aporta ideas novas que se
suman ás anteriores e se sumarán ás posteriores. Este instituto vaise
transformando aínda que o recinto sexa semellante. Evoluciona como o fai
Galicia, sendo a mesma e sendo distinta, exercendo o mesmo bilingüismo
cordial que practicou Blanco Amor e reclamando sempre o seu lugar en
España, en Europa e no mundo.
Collo prestadas as seguintes
palabras para reiterar que “en Galicia non somos moitos, pero Galicia é
moito”. Quen o poña en dúbida pode comprobalo na exposición “Galicia, un
relato no mundo” que segue aberta na Cidade da Cultura. Nela verificará
que os galegos estamos presentes en todos os fitos da historia e somos
referentes nas principais correntes culturais. Sempre hai unha pegada
galega, unha achega, un ingrediente.
No ano que deixamos atrás,
esa presenza galega continuou sendo relevante e no ano que recibimos
–pórtico do Xacobeo do 2021– Galicia volverá ser un foco de tolerancia,
solidariedade e unidade. Afirmar que temos futuro lonxe de ser algo
retórico ten aquí, en aulas coma esta, o seu fundamento.Galicia é moito. Galicia é todo. Bo Nadal e os mellores desexos para o novo ano.