O presidente dos populares galegos, Núñez Feijóo, púxose a disposición do partido para encabezar a candidatura do PPdeG ás eleccións autonómicas do próximo 5 de abril, e co obxectivo de manter a unidade, a normalidade e a estabilidade da Comunidade, porque “Galicia é moito, Galicia é todo”.
Trala celebración da Xunta Directiva autonómica, o líder do PPdeG salientou que “ante calquera elección ou cuestión, sempre digo Galicia”. Así, sostivo que, se os galegos o queren, será o presidente de todos sen excepción; e que encabezará unha candidatura, non para enfrontar a Galicia, senón para seguir unidos e avanzando xuntos: “Preséntome para servir a todos os galegos, sintan o que sintan, voten o que voten”.
Un compromiso invariable con Galicia
Tras referirse ao seu “invariable compromiso” persoal e político con Galicia, incidiu en que o PPdeG sae a gañar e a obter un goberno estable o próximo 5 de abril. Un partido, dixo, que ofrece argumentos, feitos e que dá a cara por Galicia; ao tempo que puxo en valor que a súa organización asume as reivindicacións da Comunidade ante aqueles que pretenden menoscabalos: “Defendemos os intereses de Galicia con responsabilidade, exercendo os nosos deberes e cumprindo as nosas obrigas”.
Así, destacou a súa ilusión, ganas e forza para ser de novo candidato; así como tamén a súa experiencia, a que lle dá, recalcou, máis enerxía que nunca para poñela ao servizo de Galicia. O líder dos populares galegos non quere que Galicia perda a súa estabilidade, rigor, normalidade e nin unha soa oportunidade. Neste senso, salientou que o PPdeG é máis que un partido: “Somos un punto de encontro para a gran maioría de Galicia”. Segundo Feijóo, a formación popular é a única opción que garante estabilidade, unidade, responsabilidade e a gobernar.
“Servidores de todos"
"A forza de Galicia non a dá o seu goberno, nace nos seus cidadáns”, salientou o líder do PPdeG, quen avogou pola unidade para ser máis fortes e dar mellores respostas. E recordou que a resposta da Comunidade, ante a recesión económica, a crise institucional e as estridencias políticas sempre foi a responsabilidade, a estabilidade e a normalidade.
Para rematar, aproveitou para distanciarse da política do instante, a que remarca continuamente a diferencia, para a que a experiencia e a xestión son irrelevantes e a que actúa en función da conveniencia. Para Feijóo, a política ten que ser responsabilidade, xestión, compromiso, coherencia e servizo: “Os políticos non son salvadores, senón servidores de todos”. E, fronte aos responsables dos demais partidos que teñen como único obxectivo derrotar a Feijóo, o líder do PPdeG resaltou que el está para “acadar e celebrar que as vitorias sexan de Galicia”.
"Galicia é máis calidade que nunca"
“Galicia é máis calidade que nunca”, apuntou Feijóo, quen outorgou o mérito desta mellora aos galegos e fixo fincapé no acerto, tanto da Xunta como do PPdeG, de estar ao seu carón para que Galicia estea hoxe mellor que hai unha década.
Así, presidente aproveitou para facer balance dos últimos dez anos e salientar que Galicia é unha comunidade que crea emprego, aporta estabilidade ao conxunto de España, ten unha política social que chega a máis cidadáns, ten máis sanidade pública -con mellores hospitais públicos, centros de saúde, máis tecnoloxía e menos espera-, lidera a calidade na educación, innova en todos os seus sectores, está mellor comunicada, recibe máis turistas. “Galicia hoxe é sinónimo de oportunidade”, sinalou Feijóo.
Así mesmo, puxo en valor a xestión do Goberno galego, ao tempo que se amosou orgulloso de que Galicia, a diferenza do que acontece en España, se manteña á marxe do enfrontamento e da división. Tal e como sostivo, hai unha gran maioría de galegos que prefire a unidade, o entendemento e seguir xuntos para seguir avanzando.