O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
reafirmou hoxe en Madrid o compromiso do goberno presidido por Pedro
Sánchez coas infraestruturas galegas logo da “paralización” de Rajoy e
Ana Pastor, cando Feijóo presumía de ser “o máis caladiño da procesión”.
Así o dixo logo dun encontro co secretario de Estado de Mobilidade,
Transportes e Axenda Urbana, Pedro Saura.
O líder dos
socialistas galegos revisou hoxe a axenda pendente para Galicia, logo de
que o Tribunal de Cuentas confirmara a paralización do AVE a Galicia
durante 3 anos cun sobrecuste de 500 millóns de euros cando Pastor era
ministra de Fomento. Censurou que o PP pretenda agora “tomar vantaxe
facendo demagoxia” cando as obras foran paralizadas coa complicidade de
Feijóo.
Grazas á chegada de Pedro Sánchez ao goberno,
dixo, hoxe o AVE “está moi ben encarrilado”, mentres o Executivo “cumpre
cos investimentos necesarios e evitando ningún atraso derivado da
acción de goberno”. Sinalou que nesta primavera estará en marcha a
primeira metade do tramo Madrid – Galicia, e que toda a línea estará
completada no primavera de 2021.
Caballero explicou que
este encontro, no que tamén participaron os senadores galegos Xoaquín
Fernández Leiceaga e César Mogo, danlle continuidade “no concreto” aos
recentes encontros co ministro Ábalos. Os socialistas galegos
trasladaron así as “prioridades en materia de inversións para Galicia”,
con “pulso firme e esixindo con lealdade as medidas que favorezan aos
galegos e ás galegas”.
O candidato socialista puxo sobre a
mesa así “a axenda pendente para Galicia”, que inclúe a transferencia
da AP-9 e adiantando un “cambio histórico” na xestión da infraestrutura
que será cedida á Comunidade Autónoma, así como “aplicando unha redución
das peaxes aos viaxeiros recorrentes” nesta vía.
Tamén
avaliaron a posta en marcha das estacións intermodais ou a
electrificación da liña de tren entre Lugo e Ourense, adiantando unha
axenda na que “os socialistas galegos estamos plenamente comprometidos e
non lle vamos dar vantaxe nin permiso ao PP para facer demagoxia
política”.
Explicou que aquel partido foi o que “non cumpriu con Galicia cando
gobernaba Rajoy, xa que cando Ana Pastor era ministra de Fomento
paralizou o AVE e non sacou as intermodais a concurso”. Tampouco o PP
propiciou “avances na chegada dun tren en boas condicións a Lugo, e
mesmo impediu que se debatera a transferencia da AP-9 e impediron a
rebaixa nos custes das peaxes”.