A CORUÑA | O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
comprometeuse hoxe na Coruña a presidir unha Xunta de Galicia que sexa
“aliada” das grandes cidades logo de 11 anos dun Feijóo que “foi inimigo
das cidades”. Así o dixo na visita á Coruña, onde mantivo un encontro
coa súa alcaldesa, a socialista Inés Rey, e membros do goberno
municipal.
O líder dos socialistas galegos sinalou que a
Feijóo “non lle gusta o escenario urbano” e que padece de “urticaria”
cando visita as cidades “porque sabe que hai unha maioría de progreso
liderada polo PSdeG, tamén na Coruña, unha cidade progresista que
rexeita ás dereitas”. Fronte a isto, prometeu un goberno progresista que
sexa “o mellor aliado para resolver os asuntos pendentes” das cidades.
En concreto, Gonzalo Caballero apostou por un “novo
reencontro do goberno galego coa cidadanía do país”, a través da aposta
polo estado do benestar e os servizos públicos, as novas políticas
urbanas e tamén no medio rural, e que defenda unha nova política
económica e industrial. O goberno socialista, dixo, terá que reparar a
“década nefasta” de Feijóo, que “non estivo a carón dos máis
desfavorecidos na crise e tampouco agora cando hai recuperación”.
Gonzalo
Caballero comprometeuse hoxe coa cidade e dixo que “sen o apoio e o
impulso da Coruña, o futuro de Galicia estaría lastrado e sería
imposible vertebrar o territorio e o norte de toda a comunidade”.
Defendeu un novo proxecto liderado por un PSdeG “cómplice” coa cidade e
que revitalice a sanidade, a educación pública e a cultura e que apoie
ao sector industrial.
"Cómplice da Coruña"
O candidato socialista anunciou un proxecto “real e non baseado na
política de Power Point na que vive Feijóo”. Criticou así que logo de 11
anos recortando a sanidade, sen contratar persoal, recortando servizos
como Pediatría e Atención Primaria, anuncie unhas semanas antes das
eleccións un proxecto de hospital “que aínda non existe”.
Gonzalo
Caballero asegurou que o goberno socialista estará “a carón da
alcaldesa” para desenvolver os grandes proxectos da cidade en materia de
educación, sanidade ou cultura, onde Feijóo “deulle as costas aos
cidadáns”. Apuntou así ao proxecto de Cidade das TIC que o PP “non
quería facer” e que el mesmo analizou co reitor da Universidade da Coruña para impulsalo e levalo adiante, para facer da cidade unha “referencia internacional”.
A
alcaldesa da cidade, Inés Rey, subliñou que “aos galegos e ás galegas
vainos ben cun goberno progresista na Xunta” que permita “desbloquear”
os proxectos fundamentais para a cidade paralizados nos últimos dez anos
en materia de educación, sanidade, desenvolvemento económico e
infraestruturas.
Viraxe á ultradereita
Gonzalo
Caballero acusou ao candidato do PP galego de ser “cómplice” do “xiro á
ultradereita” protagonizado polo líder do PP, Pablo Casado, porque
“cando pacta con Vox parécelle ben”. “Feijóo quere
agochar as siglas do PP pero é o máis conservador, como era Gallardón,
que cara fóra parecía moi progre, pero era un conservador dogmático que
fixo unha mala xestión pública”, recalcou.
Así o dixo en
resposta a preguntas sobre a situación provocada no PP vasco, e engadiu
que “o PP erra nesa estratexia de viraxe cara á ultradereita” respaldada
por Feijóo. De feito, Gonzalo Caballero retou a Feijóo a “desculparse
por votar no Parlamento de Galicia contra as iniciativas do PSdeG a
favor dunha lei que regule a morte digna” se quere ter “un perfil
moderado”.
"As mellores candidaturas para gañar o 5A"
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG-PSOE ratificou o seu
“compromiso para presentar as mellores candidaturas para gañar as
eleccións e gobernar en Galicia”, que lle dean ao país “unha nova fase e
un novo tempo político”. Precisamente, aseverou que os
socialistas galegos están “activando as pilas” e “preparados” para unha
campaña electoral que active ao electorado e deixe ao PP “noqueado”. Departamento de comunicación