A portavoz do BNG
en Europa, Ana Miranda, asistiu esta mañá, xunto a parte da delegación galega
de mulleres traballadoras do mar desprazadas a Bruxelas, á asemblea xeral da
Rede Europea de Mulleres da Pesca e da Acuicultura (AKTEA), na que dúas
representantes galegas entran xa a formar parte do grupo de traballo que busca
encargado de revitalizar a rede, programar os próximos encontros e manter unha
loita firme en defensa da igualdade.
“Estamos diante dunha excelente noticia que o
grupo de traballo de AKTEA conte con dúas representantes galegas, xa que así
temos a seguridade de que as demandas e necesidades das nosas redeiras,
mariscadoras e todo o colectivo en xeral serán tidas en conta”, manifestou Ana
Miranda. Así, deste órgano comezan xa a formar parte a presidenta de ANMUPESCA,
Rita Míguez, e a presidenta da Federación Galega de Redeiras, Verónica Veres.
Das demandas das mulleres do sector pesqueiro e
marisqueiro fixeron fincapé novamente ao longo da asemblea de AKTEA, en
especial que os estudos recollan as cifras reais das mulleres na pesca,
incluíndo a todo o colectivo, poder estar nos centros de toma de decisións que
lles afectan directamente e desenvolver un traballo coordinado entre todas as
asociacións, así como fomentar a comunicación.
Respaldo do BNG
“Está claro que alí onde está o BNG nótanse os
resultados, xa que grazas a traer unha delegación de mulleres galegas
integradas por distintos colectivos da pesca e o marisqueo estas traballadoras
van ter voz e voto na Rede Europea na defensa dos seus dereitos”, salientou Ana
Miranda. Neste sentido defendeu que as asociacións de mulleres do mar teñan
acceso directos aos fondos europeos marítimo pesqueiros como ferramenta
necesaria para dar resposta as súas necesidades e poñer fin as desigualdades.
Miranda avanzou ademais que o Bloque estará
vixiante aos pasos que se vaian dando desde as institucións europeas neste
sentido, en referencia as declaracións manifestadas onte polo Comisario para o
Medio Ambiente, os Océanos e a Pesca ás participantes nas xornadas, Virginijus
Sinkevicius, quen ademais de expresar a súa satisfacción pola celebración das
xornadas manifestou o seu compromiso coa igualdade das mulleres tras recoñecer a existencia de precariedade no
traballo levado a cabo polas mulleres na pesca e no marisqueo. Ao respecto
falou do 2022 como ano para desenvolver unha análise da política pesqueira
común.
“O compromiso do BNG coa mellora das condicións
laborais e sociais das mulleres que traballan no mar é firme”, salientou a
portavoz do Bloque en Bruxelas, lembrando as reunións periódicas que se
desenvolven con distintos colectivos ao longo da costa galega, así como a
presentación de emendas aos documentos orzamentarios europeos correspondentes.
A delegación galega participante nas xornadas da
Rede de Mulleres Europeas da Pesca estivo integrada, ademais das presidentas de
ANMUPESCA e a Federación Galega de Redeiras, por representantes da Asociación
de Mariscadoras de Carril (Amarcarril), a Asociación cultural de mulleres do mar
de Cesantes (Amarturmar), a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, a patroa maior
da confraría de Vilanova e a vicepatroa maior de Carril. Departamento de comunicación