O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
quen se presenta ás eleccións autonómicas como cabeza de lista pola
provincia de Pontevedra, reuniuse hoxe cos números un pola Coruña, Lugo e
Ourense, Pablo Arangüena, Patricia Otero e Marina Ortega,
respectivamente.
“Damos o pistoletazo de saída a un
proceso electoral moi importante e o PSdeG é a forza do cambio na que se
pode confiar”, proclamou Gonzalo Caballero, para presentar “un proxecto
pola renovación, o futuro e a esperanza de Galicia co que os galegos e
as galegas poden estar tranquilos”.
“Temos políticas
públicas pensadas para beneficiar á maioría e capacidade de goberno”,
subliñou o candidato socialista, en referencia a un partido que lidera o
goberno de España e, en Galicia, está á fronte de cinco das sete
cidades, de tres das catro deputacións provinciais e de máis dun cento
de concellos.
Neste contexto, Gonzalo Caballero avanzou
que agarda unha campaña “dura, de alta intensidade” na que “o PP tentará
asustar coa idea de cambio” buscando “manter unha hexemonía política
que perdeu na realidade social” tras unha década de “recortes nos
servizos públicos”. O PSdeG, en cambio, “somos a forza
ao servizo de Galicia”, reivindicou o candidato socialista á Presidencia
da Xunta, de xeito que chamou á cidadanía a “manter activo o pulso do
cambio” a pesares dos intentos da dereita de “asustar” ou de negar o
“esgotamento” do proxecto de Feijóo.
Aprobación das listas
En
paralelo, Gonzalo Caballero deu conta da aprobación por aclamación das
candidaturas socialistas ao 5A, de xeito que “cumprimos todas as fases
para iniciar unha campaña de mobilización encamiñada a acadar o cambio
político en Galicia”.
Son, como sinalou, unhas
candidaturas “de renovación” e “cunha ampla presenza feminina”, posto
que as mulleres son maioría nas listas. Dos outros tres
cabezas de lista, destacou que Pablo Arangüena, avogado de profesión, é
deputado no Congreso; ao igual que Marina Ortega, psicóloga e
exconcelleira no Carballiño. Patricia Otero, secretaria provincial do
PSOE en Lugo, é licenciada en Dereito e foi concelleira en Burela, así
como parlamentaria autonómica.
Canto ao propio Gonzalo
Caballero (Ponteareas, 1975), é profesor titular da Universidade de
Vigo, onde se doutorou en Economía. Ademais, é doutor en Ciencias
Políticas pola Universidade de Santiago.