A
portavoz nacional, Ana Pontón, e a número tres pola candidatura de Pontevedra,
Alexandra Fernández, compareceron ante os medios para dar conta do proceso de incorporación
ás listas do BNG tras un proceso de reflexión que a propia Fernández salientou que
ía máis aló do persoal, porque obedece a un proceso de reflexión colectivo que
inclúe a moitas persoas que até agora participaban do espazo político de Anova
e das Mareas en diferentes lugares do país.
A líder nacionalista destacou que,
tras un proceso de renovación e actualización sen renunciar á experiencia, o
BNG é hoxe unha alternativa que “ilusiona” e que cada vez máis galegos e
galegas como garantía dun cambio real, o que se traduce na capacidade do Bloque
para sumar en clave de país.
“Para construír a Galiza que queremos
é fundamental sumar, sumar para avanzar en clave de país sen submisións nin
dependencias a Madrid, sumar para acrecentar a ilusión entorno ao cambio
galego, ao cambio posible e sumar a aquelas persoas que desde traxectorias
diferentes nos unimos nun proxecto de país”, explicou Pontón. “Esta suma fai
que o cambio galego estea máis cerca e poder contar cun muller nacionalista na
Presidencia”.
A incorporación ás candidaturas da que
fora deputada da Marea no Congreso responde a esa vontade de sumar, -explicou-,
“unha incorporación que parte dunha reflexión persoal pero tamén colectiva na
que se fai unha aposta para fortalecer a alternativa que pode cambiar as cousas
nun momento decisivo para o país, a alternativa do BNG”.
Neste sentido, Pontón agradeceu o paso
dado por Fernández, de quen destacou “a coherencia na defensa de Galiza, sen
someterse aos ditados de Madrid, e agora quere contribuír a que toda unha
xeración de galegos e galegas podamos mirar o futuro con esperanza. Desde o BNG
agradecemos o seu paso adiante para implicarse no cambio galego nun momento no
que hai unha gran onda de ilusión arredor das candidaturas do BNG”.
A candidata á Presidencia defendeu a
necesidade de “ter resposta propias” ante retos como a globalización, o cambio
climático e para construír un país con oportunidade e máis xusto. “Cada vez hai
máis xente ilusionada con Bloque e volvemos estar ante a oportunidade histórica
de que o nacionalismo teña un papel preponderante para abrir un horizonte de
esperanza”, recalcou.
Propostas, ideas, ilusión
Pontón avanzou que o BNG vai levar a
cabo “unha campaña de debate de ideas, de propostas e de ilusión, porque de
nada vale a crítica sen alternativas, basta de submisión a Madrid con gobernos
que no creen no potencial do país. É hora dun cambio galego cunha muller coas
mans libres liderando un goberno que deixe atrás a desfeita de Feixóo”.
Pola súa parte, Alexandra Fernández
explicou o motivo que lle le levou a dar o paso de sumarse ao BNG, tanto a
nivel individual como a un colectivo de persoas que no seu momento participaron
dentro do espazo de Marea ou de Anova: “a conclusión é que o modelo de entendemento
coa esquerda estatal está esgotado”.
“Con ese rumbo claro queríamos sumar, dar un
paso adiante e facelo co BNG porque somos conscientes de que o Bloque é a única
organización que ten un proxecto alternativo para este país”, recalcou, en
relación a súa incorporación e tamén ao apoio dun colectivo de persoas que
viñan desenvolvendo o seu traballo político no espazo das Mareas e de Anova en
Bueu, Cangas, Vigo, Rianxo, Santiago ou Ferrol.
Vontade integradora
Como explicaba Fernández, “este colectivo
da o paso para sumar nestas eleccións e tamén o facemos pensando a longo prazo,
creemos que esta aposta abre un horizonte de traballo e servir de referente
para moita xente que agora fai a mesma reflexión de que hai que fortalecer o
espazo de soberanismo e que iso ten que ir na vía de afondar na suma co BNG”.
A candidata número tres por Pontevedra
destacou a “xenerosidade do BNG, pola súa vontade integradora que fai máis
forte esta candidatura, e cun modelo alternativo para este país que só o BNG é
capaz de poñer en marcha”. Igualmente destacou o papel da candidata
nacionalista: “unha muller coas ideas claras e con vontade de diálogo, que
encarna moi ben esa nova xeración que quere cambiar o rumbo deste país para
poñelo ao servizo das maiorías sociais. Aporto o meu grao de area para sexa a
primeira presidenta da Xunta”, concluíu. Departamento de comunicación