O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, fixo
un chamamento hoxe a “pasar páxina da política da tensión e da
confrontación de Feijóo para abrir unha nova páxina de futuro coa
política de cooperación e colaboración” que representan os socialistas
galegos. Así o dixo nun encontro con alcaldes e alcaldesas da provincia
de Pontevedra, hoxe en Redondela.
O líder dos socialistas
galegos apuntou que “necesitamos un goberno progresista á fronte da
Xunta de Galicia para que os concellos teñan un aliado para traballar a
favor dos veciños e das veciñas”. Apostou por “mudar a política de
confrontación de Feijóo, a súa ineficiencia para cumprir cos deberes e
competencias da Xunta, a falla de sensibilidade social e nula capacidade
de diálogo”.
Ofreceu un proxecto de goberno baseado no
“diálogo e cooperación” que abra a vía a “compartir competencias e dotar
de fondos aos concellos daquelas competencias que asumen e que non
teñen adecuadamente financiadas”. Presentou un “novo tempo político no
país” que finalice cos últimos once anos de goberno nos que a Xunta
derivou obrigas aos concellos sen ofrecer os fondos necesarios para
exercelas.
Chamou a cambiar de cor á Xunta de Galicia e
acadar un goberno socialista ao igual que en 3 das 4 deputacións
provinciais e máis de 100 concellos en toda Galicia, co que hoxe “o 65
por cento da cidadanía de Pontevedra e o 55 por cento de toda Galicia
teñen un alcalde socialista”.
Gonzalo Caballero inaugurou
hoxe unha nova etapa na precampaña electoral co contactos cos
principais alcaldes, alcaldesas e representantes municipais do PSdeG
para poñer o acento no “xiro histórico” que poden supor as próximas
eleccións autonómicas. Puxo como exemplo á Deputación de Pontevedra, que
da man de Carmela Silva “acadou un novo escenario de apertura,
renovación e rexeneración”.
Caballero comezou a súa
xornada en Redondela, acompañado pola alcaldesa, Digna Rivas, que
rematou cunha etapa de goberno do PP; e polo alcalde de Vigo e
presidente da Femp, Abel Caballero, entre outros representantes
municipais, como a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Tamén
participou o secretario provincial do PSOE, David Regades.
Abel
Caballero foi o encargado de presentar ao candidato socialista, a quen
lle trasladou o “entusiasmo” diante dun proceso político que abre a
oportunidade de “concatenar tódolos vectores na mesma dirección por
primeira vez na historia”. Aludiu así á posibilidade de sumar unha Xunta
gobernada polo PSdeG a un goberno socialista no Estado, na Deputación e
nos principais concellos de Pontevedra.
O alcalde do esperpento e da indignidade
A
continuación desprazouse a Ourense, onde chamou a “pasar páxina” á
“rémora da historia”, en referencia a un goberno do PP “que só pode
amosar como socios municipais” a Baltar como presidente da Deputación e
ao rexedor de Ourense, que cualificou como “o alcalde do esperpento e da
indignidade”.
Así o dixo aludindo á intervención do
alcalde de Ourense nun pleno municipal, demostrando “un comportamento
inadmisible no ámbito democrático”, e que contrasta cos “mellores
alcaldes e alcaldesas de toda Galicia” dentro do PsdeG. Gonzalo
Caballero instou a Feijóo a reprobar as actitudes de Jácome e a dar
instruccións ao grupo municipal do PP de Ourense para que retiren o seu
apoio a este alcalde. Ademais, considerou que se Feijóo non garante a
hixiene democrática en Ourense, debería intervir directamente Pablo
Casado, toda vez que o alcalde posto polo PP “non está á altura da
terceira cidade de Galicia”.
Dirixiuse a “todos aqueles
cidadáns que confiaron no PSdeG” nas eleccións xerais e municipais de
2019 para sinalar que “teñen a oportunidade de volve construír unha
Galicia de futuro e de progreso a carón dos alcaldes e alcaldesas
socialistas”.
Coronavirus
O líder dos
socialistas galegos ofreceu hoxe de novo “cooperación” coa Xunta de
Galicia para “evitar os escenarios máis complexos” na crise do
coronavirus pero reclamou “reciprocidade” ao presidente da Xunta para
que “informe detalladamente” das decisións e de calquera escenario “sen
caer no alarmismo”.
Gonzalo Caballero remitiulle ao
presidente da Xunta unha carta para “reclamarlle altura de miras e
interlocución directa cos principais partidos de Galicia, sinaladamente
co PSdeG”. Así o dixo logo de que onte “tivéramos que enterarnos polos
medios de comunicación de decisións da Xunta” e de que “abría un debate
sobre a cita electoral” sen telo comunicado aos partidos políticos.
Os
socialistas galegos, dixo, manteñen a “vía aberta a cooperar e garantir
a saúde dos galegos e das galegas”, e adaptarán ás circunstancias a
folla de traballo preelectoral, que ten obrigado a “reorientar a
previsión de grandes actos”, incluíndo a presenza prevista do presidente
do goberno en Galicia. Departamento de comunicación