SANTIAGO DE COMPOSTELA | O conselleiro de Facenda e Administración
Pública, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o teito de
gasto non financeiro para o ano 2021, que foi aprobado pola Cámara
autonómica. En global, o teito de gasto sitúase en 11.664 millóns de
euros, cun aumento de 1.516 millóns respecto ao Orzamento deste
exercicio, o que supón un crecemento do 14,9%.
Deste importe,
11.012 millóns de euros correspóndense con ingresos non financeiros; 685
millóns proceden do obxectivo de déficit e os 33 millóns restantes son
axustes negativos de contabilidade nacional. Valeriano Martínez
explicou que este teito de gasto é o máis alto da serie histórica e
cualificouno de “excepcional, prudente e rigoroso” para loitar contra a
pandemia e para a reactivación económica. Neste sentido, sinalou que se
trata dun teito de gasto extraordinario que permitirá afrontar con
garantías a pandemia sanitaria, reactivar e impulsar a economía e
atender ás familias e empresas que están sufrindo a crise económica.
Orzamentos
O
conselleiro de Facenda e Administración Pública informou tamén á Cámara
de que o obxectivo do Goberno galego é aprobar o proxecto de Lei de
Orzamentos da Comunidade Autónoma no mes de novembro. “Traballamos coa
maior celeridade posible para estar en condicións de aprobar os
Orzamentos antes de que termine este mes de novembro”, subliñou.
Finalmente,
Valeriano Martínez explicou que o teito de gasto chega ao Parlamento
con retraso sobre o ciclo orzamentario habitual posto que os primeiros
datos que ten que facilitar o Goberno central para poder elaboralo
chegaron hai un mes. Por iso “quixemos acelerar o traballo máis ca nunca
para compensar un retraso de máis de dous meses no ciclo orzamentario
normal”, apuntou.