BRUXELAS | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclama que a Comisión Europea abra unha investigación sobre o incumprimento do Goberno galego a respecto das reiteradas recomendacións realizadas pola propia Comisión dende 2011 sobre a ampliación da superficie protexida da Rede Natura 2000. “Atopámonos cun total desleixo da administración galega a respecto da protección do territorio que hai que corrixir de inmediato”, salienta.
Nunha pregunta dirixida á Comisión para a súa resposta escrita, o Bloque sinala que a contribución de Galiza á Rede Natura é unha das máis baixas non só do Estado español (27%), senón de toda a Unión Europea, cun 11,74% de superficie protexida. Deste xeito, o goberno galego non só incumpre as amonestacións europeas que vén dando o executivo comunitario dende 2011 nas respostas ao BNG no Parlamento Europeo, senón tamén un acordo do propio Parlamento galego de xuño de 2017 que insta a ampliala.
“No BNG estamos moi preocupados pola non ampliación da Rede Natura e a falta de control sobre o territorio dende hai anos, xa que son numerosas as solicitudes de autorización de proxectos eólicos, plantación de eucaliptos e proxectos mineiros sobre espazos que figuran nas propostas de ampliación da Rede e que non se ampliaron”, explica Ana Miranda, quen defende que estes proxectos benefician intereses incompatibles coa protección do territorio.
Perda de fondos
Ana Miranda denuncia en Bruxelas que o Goberno galego está actuando “de mala fe”, agardando que se concedan as autorizacións de novos parques eólicos e mineiros, para a continuación pedir a ampliación da Rede Natura 2000 en Galiza. Ademais, critica que goberno galego está deixando de recibir investimento público procedente dos fondos de cohesión, máis de 60 millóns, como os fondos FEDER, pola súa mala xestión no desenvolvemento da Rede Natura 2000.
O Bloque demanda a ampliación da rede Natura 2000 en Galiza con alternativas naturais e económicas que se adecúen a loita contra a emerxencia climática e a estratexia do Pacto Verde Europeo. “Galiza é un paraíso natural do que se pode vivir, non depredando, senón convivindo e explotando os espazos naturais e para iso hai que ampliar a Rede Natura e denunciar a mala xestión que fai o Goberno do PP porque non lle importa o máis mínimo a protección ambiental”, sinala Ana Miranda. Departamento de comunicación