MADRID | O
BNG rexistrou hoxe unha iniciativa no Congreso preguntando ao
Ministerio de Transportes porque non preveu ao longo do ano 2020 as
modificacións normativas necesarias, vía Real Decreto, para que as
baixadas das portaxes da AP-9 puidesen entrar en vigor no día 1 de
xaneiro. Aliás, a forza nacionalista pregunta tamén cales son as
previsións do Goberno para comezar a aplicar as medidas previstas no
Acordo de Investidura asinado a 4 de xaneiro do pasado ano: descontos
para as persoas usuarias recorrentes, absorber a suba anual de 1% e
gratuidade do tramo Vigo-Redondela.
O
deputado nacionalista, Néstor Rego, criticou as declaracións do
Secretario Xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez, en que fala de
que as baixadas e descontos se producirán “no primeiro semestre
deste ano” porque elaborar o Real Decreto “é complexo”. “É
absolutamente inadmisíbel que a estas alturas se estea a falar dun
prazo de seis meses cando tiveron desde xaneiro de 2020 para prever
os cambios normativos necesarios. Queren que creamos que elaborar ese
decreto leva ano e medio? É que pretenden rirse de todos os galegos
e galegas? O BNG non o vai consentir”, advertiu.
Rego
reiterou que a fronte nacionalista considera máis que suficientes
tres semanas para que o Ministerio poida proceder a aprobar os
cambios regulamentarios e a probar o Real Decreto para que neste mes
de xaneiro ou 1 de febreiro como moi tarde entren en vigor as novas
tarifas con rebaixas e descontos para as persoas usuarias recorrentes
e tamén a advertencia de que se así non for, o BNG chamará a
sociedade galega a se mobilizar para forzar o Goberno “a cumprir o
previsto no acordo de investidura e a asumir na práctica os
compromisos coa Galiza”.
O
deputado do BNG no Congreso chamou o Partido Socialista a rectificar
canto antes o que considera “unha política deliberada de dilación
dunha medida longamente agardada” pois o descontento na sociedade
galega vai en aumento despois de que se anunciase que a AP-9 voltaba
a subir e a ser de novo a autoestrada do Estado español en que as
portaxes máis se incrementaban. “Non sei se o PSOE é consciente
do crecente enfado tanto de particulares como de profesionais que
estaban esperando descontos e o Goberno lles presenta novas subas. Se
non rectifican canto antes, van ter que dar moitas explicacións”,
declarou.
Rego
lembrou que levamos 40 anos de subas continuadas das portaxes e de
prolongación da concesión como consecuencia da xestión levada até
agora polos sucesivos gobernos, quer do PSOE quer do PP. “Neste
ano, grazas ao BNG, baixarán por primeira vez na historia as peaxes
da AP-9 e non hai ningunha razón para seguir demorándoas máis”
sinalou. Departamento de comunicación