El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

CASO PAZO DE MEIRÁS

Pontón: "Non podemos pagar dúas veces pola devolución dun ben roubado"

25-02-2021 16:59:05
Ana Pontón, líder do BNG (c).

A CORUÑA | O BNG volve reclamar diante do Pazo de Meirás que o Goberno do Estado rectifique e presente recurso contra a sentenza que obriga a indemnizar aos Franco tras ter ocupado o inmoble durante décadas, algo que non só repugna desde o punto de vista da dignidade democrática senón que, ademais, supón un “agasallo xurídico” que arrisca a devolución do pazo ao patrimonio público.  

“Non podemos pagar dúas veces pola devolución dun ben roubado e por iso reclamamos ao Goberno de Sánchez que rectifique a decisión de non recorrer esa sentenza vergoñenta desde o punto de vista democrático pero que, ademais, supón un agasallo xurídico para a Familia Franco, porque o principal problema que podemos ter desde o punto de vista xurídico é que o Estado non recorra esta sentenza abrindo así  o camiño aos Franco para que en estancias superiores poidan darlle a volta á sentenza que por primeira vez recoñeceu que Meirás era público e que tiña que formar parte do patrimonio dos galegos e das galegas”, argumentou ás portas do pazo.  

“Para o Bloque é inconcibible que esta sentenza non reciba unha resposta política e xurídica, porque supón asumir que os Franco estiveron no pazo de boa fe dándolle unha labaza ás vítimas da ditadura e, desde o punto de vista xurídico, -afondou Pontón-, porque non se pode asumir que estiveron na súa propiedade”.  

Neste sentido, o BNG volve reclamar ao Executivo central “que non rompa a unidade social e que atenda ao clamor que en Galiza reclama a devolución ao patrimonio público sen pagar nin un só euro a uns Franco que ocuparon de maneira ilexítima o inmoble durante corenta anos”, recalcou.  

O Goberno do Estado, insiste a formación nacionalista, debe atender a demanda cidadán que se está expresando manifestacións publicas diversas pedindo o recurso e, neste sentido, o Bloque aplaude que haxa institucións que anunciasen a súa disposición a presentar un recurso. “Pedímoslle a Sánchez que non rompa esa unidade e que interpoña o recurso canto antes para evitar calquera indemnización aos Franco”, remarca.  

Para a líder nacionalista, neste asunto só hai dous lados, o lado da dignidade e da defensa do ben común, ou o lado dos intereses dos herdeiros do ditador, “e son cada vez máis as voces que alertan sobre un posible pacto oculto entre Goberno e os Franco para non presentar ese recurso e agardamos que, pola vía dos feitos, se desminta esta posibilidade recorrendo a sentenza e pechando o camiño a calquera agasallo xurídico aos que se beneficiaron durante décadas dun espolio e que intenten facerse de novo con inmoble roubado”, argumentou.  

“O Bloque ten moi claro de que lado está: do lado da dignidade, das asociacións que loitaron e loitan pola recuperación da memoria, que permitiu ese primeiro gran paso dunha sentenza histórica que recoñecía a titularidade pública do pazo e a mala fe dos Franco e non podemos permitir agora este paso atrás”, explicou.  

Pontón destacou que o  BNG seguirá levando este tema tanto ao Parlamento como ao Congreso, ao tempo que  considera “vergoñenta” a posición do Goberno da Xunta que cualificou de “positiva” a sentenza pese a impoñer esa indemnización. “De novo parece que está máis interesado en protexer os intereses dos herdeiros e non da dignidade e de todas as persoas que loitaron para reparar un espolio”, concluíu. Departamento de comunicación  
 
 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias