SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, da por feito que a petición de reunión entre o presidente
da Xunta e a líder da oposición, normal en democracia, terá lugar o antes
posible e considera insólito que ese encontro aínda non se celebrase nove meses
despois da cita coas urnas. “Agardo que
sexa canto antes e agardo tamén que Feixóo non teña medo a un encontro
bilateral coa líder da oposición”, respondeu Pontón a preguntas dos medios
sobre este asunto.
“O habitual é
que a reunión empece coa líder da oposición e despois, obviamente, o presidente
da Xunta pode reunirse con quen considere. Teño solicitado unha xuntanza
formalmente, porque entendo que é a miña responsabilidade trasladarlle a
preocupación e as propostas que temos no BNG nun momento tan difícil e tan
complexo, no ámbito económico, sanitario e social. Forma parte da normalidade
democrática e o que agardo é que Feixóo non teña medo a un encontro bilateral
coa líder da oposición e portavoz do BNG”, reiterou.
Pontón indicou
que este tipo de encontros bilaterais son o habitual en democracia, e o sorprendente é nove meses despois da cita
electoral aínda este pendente unha reunión entre presidente do goberno e líder
da oposición non se tivese producido, “cando forma parte da realidade política en
todos os países do noso entorno”, concluíu. Departamento de comunicación